As leccións veñen de fóra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É un clásico iso de que non valoramos as cousas ata que non as temos. Tamén que non damos importancia ao que temos ao lado ata que marchamos lonxe. E que só aceptamos consellos se nolos dan os alleos. Parece mentira pero é así, complicámonos.

A cuestión é coñecérmonos e converter as nosas debilidades en fortalezas. Lembran a Yoel, o porteiro galego do Eibar, falando en galego despois dun partido en Balaídos? Eu si. Deume un chimpo o corazón cando o vin manifestarse con tanta naturalidade. Lembroume o que tantas veces me pasa a min, que, estea onde estea, só sei pedir «café con leite». Deberan crucificarme por iso? Entendo que non, pero... Yoel recibiu tantas loanzas como críticas. Algo incrible. Cal é o problema? Que Yoel é galego. E, daquela, falar na lingua propia, de maneira natural, non ten mérito. De feito, pode entenderse como algo malo. Incrible, pero certo. Por sorte, hai outras opcións. Fran Beltrán naceu en Toledo, e xoga no Celta. Hai un tempo expresou o seu desexo de aprender a falar a lingua do equipo ao que pertence. Foi aplaudido. E eu creo que fala de corazón, porque xa agradeceu o premio como xogador preferido da afección en galego.

Ben, aproveitemos logo que vén alguén de fóra a darnos leccións para aprendelas. Grazas, Fran. This is afouteza.