Recuar ao pasado

OPINIÓN

29 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Case seguro que nin Casado nin Rivera se decatan da estreita afinidade que demostran coas ideas do fundador de Falange Española. Non o sei, pero aínda podería demostrar que ningún dos dous o leu. As proclamas dun e doutro son sinxelamente continuidade das ideas máis xerais e tópicos máis cotiáns do réxime anterior.

A alporizada teima na aplicación do artigo 155, tal e como a están expoñendo, non é más ca a «dialéctica de los puños y de las pistolas» exposta por aquel no discurso fundacional no Teatro da Comedia o 29 de outubro de 1933: abonda con comparar as razóns que os tres expoñen en xustificación da violencia. Para Primo de Rivera a violencia estaba xustificada cando «se ofende a la Justicia o a la Patria». A política é para os políticos; para os autoritarios, a violencia. Tan anticuados son que non se decatan de que estamos na UE, non na España cuarteleira, rural e illada do mundo de José Antonio; este pretendía que España exercese tutela sobre as nacionalidades históricas, como os seus discípulos pretenden hoxe suprimir as autonomías ou os partidos que non lles gustan. Demócratas entre eles.

Nin se decatan de que hoxe, a diferenza daqueles tempos dos anos trinta, privan os conceptos de soberanía compartida e o principio de subsidiaridade, que configuran unha idea do Estado que deixa moi lonxe no tempo a que José Antonio tiña, que era a do Estado fascista. Pero revivila agora é como facer recuar a historia.

Se para o político fascista España era unha «unidad de destino en la universal», para algún outro o descubrimento e a colonización do continente americano foi o máis grande acontecemento da humanidade. «Por el Imperio hacia Dios» era un coñecido lema da Falange e do franquismo. Tamén o podería ser dalgúns políticos de hoxe.