Memoria das bibliotecas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mércores, día 24, celebrouse o Día Internacional das Bibliotecas, e un par de días antes, o Día das Bibliotecas Escolares, instalacións pensadas para o desenvolvemento da lectura dende as primeiras idades ata a adolescencia. As estatísticas demostran que neste período, entre a infancia e a adolescencia, é onde se rexistra unha maior actividade lectora e, asemade, onde se configura o discurso intelectual das persoas, a súa capacidade para desenvolver a lóxica do pensamento, mesmo a linguaxe: para comprender e para expresarse. O universo marabilloso das palabras. 

Teño falado moitas veces das librerías e dos libreiros como a rede capilar para a distribución do libro e, por tanto, da lectura. Tamén do labor fundamental do profesorado, eses mestres que saben prender a luz (a Primeira Luz, que dixo Manuel Murguía) para a descuberta do mundo a través dos textos. Ou os pais e as nais, os avós, cando engaiolan os máis pequenos coa palabra, a lectura compartida dun libro, os primeiros debuxos, as primeiras fantasías guiadas da súa man… O contacto primeiro que todos temos coa literatura é este: un pai, unha nai, un avó contándonos unha historia, a carón da lareira nos tempos de antes, ou na cama antes de durmir nos tempos de agora. Mágoa que, por comodidade ou preguiza, esteamos a deixar esta experiencia a mercé dunha pantalla ou dun televisor.

Mais tamén as bibliotecas. Na miña infancia pontevedresa, na miña adolescencia sobre todo, a biblioteca pública do paseo Colón foi o gran territorio das primeiras descubertas. Daquela mesmo era un espazo de socialización, onde os rapaces e rapazas nos citabamos para falar, para compartir os contos de Tintín e dos irmáns Dalton, as historias de Guillermo Brown, tamén os primeiros textos de Rosalía, as Sonatas de Valle-Inclán, Los pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán… Todo empezaba daquela.

Na biblioteca da RAG rescatamos un texto pioneiro de Lucas Labrada, datado en 1806, onde o ilustrado galego (1762-1842) fai unha defensa afervoada dos espazos dedicados á custodia, consulta e préstamos de libros, que el considera un dos grandes activos para o desenvolvemento das sociedades: a educación e a lectura como fundamentos da modernidade. O discurso foi redactado para a inauguración da primeira biblioteca pública da Coruña, establecemento que naceu por iniciativa doutro importante ilustrado da época, o cóengo Pedro Antonio Sánchez Vaamonde (1749-1806), quen algúns anos antes doara os seus libros para tal fin ao Real Consulado de Comercio (seica arredor de 4.500 títulos, algúns especialmente valiosos). Foi receptor destes fondos outro persoeiro destacado da nosa historia do século XIX, Marcial Francisco del Adalid (1754-1822), fundador da ilustre dinastía de músicos e eruditos que levan o seu nome, dos que se conserva legado na nosa academia.