Podemos: Galicia esixe cambio

Antón Gómez-Reino

OPINIÓN

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia esixe cambio. Desde Podemos e o espazo de cambio témolo claro. O que empezamos no 2015 ten que agrandarse, seguir, continuar.

Gobernamos cidades, plantamos cara ao PP no Parlamento de Galicia, no Congreso e no Senado. Pero construír política no presente significa prepararse para o futuro. O noso obxectivo é gañar as eleccións autonómicas previstas para o 2020 e transformar este país: abrir as institucións, facer que esta terra xere e reparta riqueza, construír unha realidade política que de verdade nos represente; institucións limpas e políticas públicas ao servizo da maioría social.

Dicímolo en Podemos, pero dino tamén as estatísticas, que demostran que os nove anos de goberno de Feijoo foron unha catástrofe. A poboación galega caeu desde os case 2,8 millóns de habitantes do 2009 aos pouco máis de 2,7 millóns da actualidade. O número de parados creceu en máis de 14.000 persoas. A taxa de desemprego entre as mulleres subiu en dous puntos. O número de cotizantes á Seguridade Social reduciuse en preto de 11.000 afiliados. Os servizos públicos están en números vermellos, cos seus traballadores dando exemplo de compromiso coa sociedade mentres o PP constrúe unha Xunta que se compromete soamente co beneficio privado.

Podemos chegou á política para mudalo todo. Demostramos que si se pode cambiar a realidade. Con outros e con outras, sempre baixo o mandato do protagonismo popular, cambiamos xa por completo a dinámica política e a axenda pública.

En Galicia, o noso espazo político é o que goberna máis cidades, Ferrol, Compostela e A Coruña, fronte dúas grandes urbes gobernadas polo PSOE e unha, polo PP: Ourense, a única que non aprobou orzamentos desde o comezo da lexislatura.

E a política do Estado xa non é, nin será nunca máis, un xogo bipartidista. Censuramos e cambiamos un Goberno golpeado pola corrupción. A axenda social e democrática é hoxe o centro do debate. As políticas públicas viran a favor das maiorías sociais, como demostran os Orzamentos Xerais do Estado.

Podemos Galicia vive un proceso de renovación interna, a Asemblea Cidadá. A nosa proposta, Máis Podemos, fala de construír un Podemos Galicia que se pareza a este país. Un país moderno, traballador, innovador, aberto, solidario. Unha Galicia rica en democracia e en Estado do Benestar. Avanzada, moderna, democrática, de progreso, orgullosa, sen complexos.

Temos enfronte un rumbo de dúas paradas. Primeiro, consolidar nas eleccións municipais e europeas o cambio iniciado no 2015. Despois, abrir un tempo novo cun goberno da Xunta ao servizo da cidadanía, da xustiza social.