O papa Francisco e o Demo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

20 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha mensaxe difundida pola sala de prensa da Santa Sede o pasado 29 de setembro, o papa Francisco pediu aos católicos do mundo que recen o rosario durante o mes de outubro para que a Virxe e o arcanxo san Miguel protexan a Igrexa dos ataques do Demo, neste tempo de crise. En anteriores discursos o papa advertira de que o demo non é un símbolo, unha representación do mal, senón un ser real; e nesta ocasión, coa linguaxe coloquial que gusta empregar en temas transcendentes, afirmou: «O Demo está vivo, goza de boa saúde e fai horas extras para erosionar a Igrexa». Debe de levar tempo facéndoas e serlle proveitoso o labor porque en 2013, ao pouco de ser elixido papa, Francisco falou «dunha corrente de corrupción» na Curia Romana e da existencia dun influínte «lobby gay».

En 2016, ante os membros da Curia, lamentaba o «gatopardismo espiritual» dos que din querer trocar as cousas, pero fan canto poden para que todo siga igual. E como todo seguiu igual, no Nadal de 2017, tamén ante o goberno da Igrexa, recordou as palabras do bispo belga monseñor Frédéric François Xavier De Mérode, no século XIX: «Facer a reforma en Roma é como limpar a Esfinxe de Exipto cun cepillo de dentes». Agora, cos escándalos de pederastia, que non cesan, e os ataques á súa persoa e ao seu maxisterio por parte do sector máis conservador, que chegou a pedirlle a dimisión, Francisco determina que isto é cousa do Demo. A figura do Demo, o anxo que por soberbia se rebela contra o Creador, non aparece no libro da Xénese, pero era necesaria para explicar o pecado orixinal e a existencia do mal no mundo, mesmo despois da redención de Cristo, e creouse a partir doutros textos bíblicos. A Idade Media mostrouno como un ser monstruoso e un dos moitos acertos de Umberto Eco en O nome da rosa foi reflectir o terror que o Demo inspiraba nos mosteiros. Son numerosas as ilustracións de códices monásticos, nas que os ollos do Demo foron raspados para que non danasen o lector. Porén, xa no medievo e ata hoxe, houbo quen exorcizou ao Demo con humor, burlándoo e ridiculizándoo en escritos e ilustracións. Quizais o exemplo máis claro sexa unha imaxe do inglés William de Brailes, ilustrador do século XIII, na que a Virxe zorrega ao Demo un tremendo gancho de dereita nun ollo. A aparición de el diablo cojuelo, pillabán, burlón e trouleiro, na literatura oral de Castela, no século XV; a banalización do satanismo no romanticismo, no simbolismo e no expresionismo; a perda de fe relixiosa no século XX; todo contribuíu a que o Demo bíblico ande hoxe en horas baixas. En Galicia, malia a fe doente de Vicente Risco e os santuarios para liberar de demos aos posesos, o Demo só é un recurso cómico en refráns, cantigas e expresións coloquiais, como a que Curros Enríquez puxo en boca do mesmísimo Creador: «Se este é o mundo que eu fixen, que o Demo me leve». Por iso nunca crin no Demo do papa Francisco ata que, hai pouco, a Conferencia Episcopal Española nomeou presidente da Comisión contra a pederastia ao bispo que silenciou os abusos en La Bañeza. Agora si creo, co papa Francisco, que o Maligno anda a socavar os alicerces da Igrexa católica.