Michelangelo Merisi da Caravaggio segue a ser un dos pintores máis admirados de todos os tempos, malia ter morto en 1610, aos 38 anos de idade. A súa pintura, fera, arrebatada e chea de paixón, anunciou a chegada do Barroco con tanta forza e vigor que nin sequera esta gran revolución puido logo deixalo a el nunca detrás. Hoxe é o día que Caravaggio segue a ser o pintor preferido de moitos amantes das artes da representación gráfica, pola forza e orixinalidade das súas figuras e composicións.
A noticia máis novidosa sobre a súa vida produciuse non hai moito, e non é irrelevante. Despois de supoñelo morto, durante catro séculos, a causa da sífilis, resulta que esta afirmación acaba de ser desmentida por sete científicos franceses e italianos do IHU Mediterranée Infection de Marsella, que probaron que o artista finou por unha infección causada polas feridas que sufriu durante unha pelexa con espada. O que parece moi crible, porque o mozo Caravaggio tiña o costume de learse con fereza. Unha desgraza, porque, a onde tería chegado na súa evolución pictórica se cumprise os anos de Picasso, por exemplo? É unha pregunta que non terá resposta, pero que aí queda.
O descubrimento da causa da súa morte, publicado na prestixiosa revista Lancet Infectious Deseases, non cambia nada na perspectiva pictórica, ben é certo, pero achéganos á realidade vital deste xenio indiscutible, mestre do claro-escuro, que soubo estruturar auténticas obras mestras, como A vocación de San Mateo, na igrexa Saint-Louis-des Français de Roma, entre moitas outras que seguen a causar asombro pola súa singular orixinalidade, perfección e, digamos, modernidade.
O feito de que morrese por unha ou outra causa non é un descubrimento que vaia cambiar a súa realidade histórica ou creativa, pero suma un dato complementario sobre unha figura sen comparanza. Por outra parte, se se ten en conta a súa vida, chea de desafíos e de aventuras, estamos ante un dato moi crible. De Caravaggio pódense dicir moitas cousas boas como pintor, pero non que fose un home prudente, sociable e de bo carácter. Porque isto non encaixa co que sabemos del. Mais, se cadra, de non ser como era, nunca tivera feito a obra que fixo. Case seguro.