Avinagrados


Coñezo xente refractaria a calquera esperanza. Inaccesibles á ilusión. Son vinagre. Aínda que agora está de moda a expresión «tóxicos», prefiro vinagre. Bótalo nunha ferida e non soportas a dor. Porén, o vinagre con humor resulta estimulante: en ensalada, por exemplo. Ou nunha frase salesiana, de don Bosco, que dicía: «Cázanse máis moscas cunha gota de mel que cun barril de vinagre». Hai vinagre no rostro de políticos que fan do vinum acre, viño agre, o seu modo de dicir, e contestar, e replicar. Vinagre nas redes sociais, esa fábrica de disparos onde calquera armisticio é imposible. Saiban os frecuentadores destas redes que cando un ser humano está en contacto permanente con vinagre, está demostrado, corre o risco de se converter en vinagre tamén. Os móbiles, dixen e reitero, son armas de destrución pasiva. Ningún invento fixo máis dano á adolescencia, ese fío da alegría, que estes aparellos dantescos: lean a Divina Comedia e comprenderán o aserto. Na Divina Comedia non hai vinagre, senón amargura. Un pode vivir coa amargura ás costas, nunca co vinagre na alma. Hai xente que cando sofre do corazón non vai ao cardiólogo, senón ao latoeiro. Tocas a súa pel e sentes papel de lixa nos dedos. Para eles unha caricia é material abrasivo. Este xoves permítome esquecer a todos os avinagrados. Os «malascaras» permanentes. Os que en lugar de dicir «bos días» proclaman o prontuario das súas doenzas. Os que nunca preguntan cómo estás. Os histéricos. Os coléricos. Os infaustos. Porén non pretendo unha columna só descritiva. Apunto unha solución para todos os avinagrados da terra. Amen. Déixense amar. A vida non é unha barricada. Prefiro, coma don Bosco, as gotas de mel.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos
Comentarios

Avinagrados