05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda me lembro da profesora Dolores lendo as novas do xornal para nós, os seus cativos de parvulario do colexio público do Parque das Mercedes. Lémbrome do seu cariño, do seu amor por nós, e do seu xeito de tratarnos. Lémbrome de que para ensinarnos a ler utilizaba o que tiña ao seu redor, e supoño que o periódico era unha ferramenta accesible nun tempo no que os medios nos colexios públicos eran ben escasos, e a vocación convertíase en ferramenta única e fundamental para a aprendizaxe.

O impacto dos mestres nas nosas vidas é incalculable. Ás veces a vital decisión de ir por ciencias ou por letras estaba directamente relacionada coa paixón dalgunha mestra pola súa disciplina. Pero mestres somos todos, queiramos ou non, co noso xeito de ser e de estar, pois a vocación de ensinar e compartir forma parte da nosa natureza humana: como pais, fillos, irmáns, amigos ou tíos, sempre hai algo que aprendemos do outro, algo que compartimos co outro.

A Unesco celebra hoxe o Día Internacional dos Docentes, e segundo a súa información oficial hai escaseza de profesores cualificados nas zonas máis vulnerables da poboación: seica fan falta 69 millóns de docentes para alcanzar os obxectivos do seu plan cara ao 2030.