Necesitamos un horizonte novo


O pasado día 26, Día Europeo das Linguas, presentamos no Concello de Ames os resultados dun estudo de campo sobre a situación da lingua galega nas familias e nos primeiros anos do sistema escolar (infantil e primaria), traballo realizado a partir de achegas do profesorado do CEIP Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño, nas terras de Amaía, a poucosquilómetros de Santiago de Compostela. O profesorado, comprometido coa práctica do idioma, realizou unha exhaustiva enquisa entre as familias, os mestres e o alumnado para coñecer usos, actitudes, prácticas e expectativas a efectos de preparar o programa pedagóxico. O seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega estableceu a metodoloxía e sistematizou as medicións. Máis da metade das familias desta área que denominamos periurbana (dacabalo entre o mundo rural e as cidades) manteñen vivo o galego nas casas. Un cuarto decláranse exclusivamente galegofalantes. A lingua dominante nas familias tradicionais aínda é o galego. Mais a lingua recúa aceleradamente nas xeracións máis novas. Curiosamente, o fenómeno de cambio cara ao castelán prodúcese cando os rapaces empezan ir á escola. O 40 % das familias recoñecen que a deriva rexístrase nos primeiros anos (o 64 % di que entre os 3 e os 6 anos). Tal como están as cousas a incorporación á escola actúa como un elemento desgaleguizador, lonxe do discurso oficial de capacitación e destrezas, algo que a RAG e outras institucións vimos detectando en todo o país, non so nun espazo específico como o que comentamos. Así non podemos seguir. Cómpre dar un paso adiante. O desafío da lingua galega está nas novas xeracións, nos nenos e nas nenas que empezan a incorporarse á vida. As actuacións e os recursos, ademais de deseñárense con tempo para que dean froitos, deben ampliarse urxentemente cara ao que chamamos «espazos de socialización». A socialización primaria está nas familias, mais as familias tamén son vítimas. A socialización secundaria, que é onde os rapaces e rapazas empezan a encontrarse consigo mesmos mirándose no espello dos seus iguais, significa: espazos de lecer, estímulos de uso nos recreos e fóra das aulas, material de consumo lúdico e cultural (audiovisual, videoxogos, música, cinema, lecturas), experiencias compartidas alén da familia e da escola, exemplo dos maiores, medios de comunicación, implicación da iniciativa privada, participación activa da xente nova en programas e recursos, e prestixio, recoñecemento público, autoestima. Cos datos enriba da mesa, non só os do CEIP Agro do Muíño, a intervención recente de certo personaxe no Parlamento español (Toni Cantó) é un insulto á intelixencia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

Necesitamos un horizonte novo