A esquerda dos ilusos

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

30 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son unha auténtica ilusa. De libro. Por que? Por moitas cousas, pero hoxe en concreto por pensar que a esquerda era outra cousa. Se buscamos a orixe desta corrente política é a de basearse na defensa da igualdade social, fronte á dereita, que considera as diferenzas sociais como normais e inevitables. A igualdade que eu agardaba era outra moi diferente á que me están a amosar. Porque, en política, non todos deberan ser iguais. Non todos deberan aferrarse ao poder, non por riba da verdade, do respecto, da integridade. Non quero máis políticos de fachada. Onde está a verdadeira clase política? Si, con iso refírome, ideais aparte, aos que son políticos de corazón, os que non precisan de inflar o seu currículo para chegar máis arriba e aos que non declaran principios enchendo a boca mentres na intimidade os dilapidan. 

Fronte a arrogancia e inexistencia de empatía, agardaba a humildade e bo facer. Todo o que conseguiu a clase media hai unhas décadas se está esfarelando como cinza no vento por un desexo desmesurado e avaricia no poder. Saben que penso? Que meu avó, que loitou por darlle un futuro aos seus fillos, sentiu ese cambio xeracional coma un logro. Pero se os chega a ver agora, roubando títulos académicos, negando a evidencia e remisos a dimitir, dáballe unha volta. El, que comprendeu moitos cambios da sociedade, non entendería que engano de esquerda é esta.