Xustiza e paz

OPINIÓN

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

avogado Bryan Stevenson fundara a organización Equal Justice Initiative (Iniciativa para unha xustiza equitativa) para poder loitar contra o encarceramento masivo e as inxustizas raciais dos EUA. Polo camiño, converteuse nunha das pezas clave da creación dun dos museos máis fascinantes e necesarios para a memoria histórica, o chamado Museo do Legado: da Escravitude ao Encarceramento Masivo, dentro do Museo Nacional para a Paz e a Xustiza. O enclave está situado no que fora o corazón da compravenda de escravos, Montgomery (Alabama), e o espazo que o contén, de máis de 24.000 metros cadrados, fora adquirido polo propio Stevenson coa idea de facer visible unha parte fundamental da historia do sufrimento dun país, e darlle así un espazo de homenaxe aos máis de 4.000 afroamericanos linchados no sur do país entre 1877 e 1950.

O museo inaugurouse en abril, nun momento no que a polémica sobre a retirada das estatuas das figuras máis representativas da América confederada (os estados do sur que no século XIX loitaron por manter a escravitude) estaba no punto de mira. É realmente un espazo incrible para a memoria histórica, no que se homenaxea ás vítimas dun dos problemas máis crueis da sociedade: o racismo e a escravitude.

O poder da arte no activismo, ou do activismo na arte, é máis evidente ca nunca nun lugar así: as esculturas de Hank Willis Thomas e Kwame Akoto-Bamfo fan a unha estremecerse dun xeito tan profundo como inexplicable. Fan a unha pensar sobre o noso xeito de lembrar os capítulos máis horribles da nosa historia, na que os invisibles das fosas comúns seguen a ser as vítimas, e os dos mausoleos, os verdugos. Hai tanto por facer...