27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Falamos pouco dela, da tenrura. Mesmo semella que vivimos tempos ocres, irados, de uñas e malas linguas. Se persegues a actualidade, contemplarás nos noticiarios mil maneiras de asasinar a tenrura. Porén, hai outros mundos paralelos onde carecen de importancia as pendencias políticas. Mira arredor. Contempla os ollos namorados na procura de bicos no luscofusco de cada tarde. Sinte o recendo da herba recentemente cortada. As flores, que existen tamén cando a outonía avanza. O vento fresco do norte acariñándote cando o sol danza. Os nenos sen móbil, ese defecto (aínda existen centros de ensino que permiten que estas armas de destrución pasiva penetren no seu interior?). Inspira. Aire. Precisamos alento nestes tempos onde tan pouco se fala dela, da tenrura. Pero existe. Nas cancións de amor con final feliz. Na radio sen fórmula. Por riba do mantel e a carón do viño. Na parella de maiores que acaba de pasear polo parque onde escribo esta columna: collidos da man, lentos, el con sombreiro e ela con andar castigado polos anos. No amencer e na lúa, compañeira. A tenrura baila en Dana e Tango cando me reciben despois da xornada de traballo, movendo a cola, felices. Debemos aprender a encontrar a tenrura agora que vivimos de costas a ela. Poñer un stop nas ocupacións diarias. Encontrar tenrura nas explicacións do profesor que profesa matemáticas fronte a vinte adolescentes. Nos brincos dos gatos á hora do albor. No río. No castelo de Monterrei, que segue a ser o castelo máis lindo do mundo. Nas sonatas sen primavera. Na amizade. No abrazo. Na risa. No bico suave, suave. Nas ausencias con data de caducidade. No pica pica dunha cervexa fría. Falemos dela. Máis. Da tenrura.