Unha saída para despois

OPINIÓN

24 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha cousa é que haxa receptividade na sociedade para unha política galega -temos moitos datos que demostran que así é-, e outra que o ofrecemento que se faga ao país teña credibilidade, que sexa verdadeiramente progresista, suxestivo e atraínte. Aquí é onde entra, por suposto, o acerto da acción política.

No caso de que se manteña a situación actual, ningunha das opcións de que dispoñemos vai estar en condicións de levar adiante esa política, porque ningunha delas vai ter, polo que semella, o respaldo social que cumpriría. É un feito do que hai que arrincar, a non ser que nos queiramos esnafrar unha vez máis contra a realidade. Pero queda unha posibilidade, pode que a única nestes momentos, e chegando o caso: un entendemento entre as distintas opcións de progreso.

¿Algo semellante ao que está funcionando en Portugal, tan valorado dentro e fóra dese país? Pode. Por suposto que non é a política ideal que moitos quixeramos para o país. Pero haberá que valorar, se a ocasión dá chegado, se é mellor: unha solución concreta perdendo un pouco ou deixarlle expedita a outros a oportunidade. Non sempre principios e praxe teñen nitidez absoluta.

De seguir polo camiño de sempre, tirando cada un para a súa banda e aínda poñendo atrancos ao compañeiro, non hai dúbida de que ese será o camiño que nos levará unha vez máis a ningures. O menos político e máis torpe que hoxe podemos facer é regalar unha oportunidade, no caso de que saibamos chegar a ela.

Unha moi grande responsabilidade. Porque hai algo que debemos ter moi claro: que as oportunidades serán menos cada vez e que deixalas pasar só pode crear frustración e indiferenza. Non culpemos ao país, culpémonos a nós mesmos se non soubemos distinguir entre o que se quixera e o que se pode.