As linguas de Europa

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

23 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo dia 26 é o Día Europeo das Linguas, celebración que promove dende o ano 2001 o Consello de Europa para sensibilizar a cidadanía dos 47 estados membros (800 millóns de habitantes) a prol da riqueza do patrimonio lingüístico e mais a necesidade de usalo, promocionalo e defendelo. Na mesma liña redactouse a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (1992), subscrita polo Goberno español en abril de 2001. As linguas como riqueza e patrimonio, espazos de encontro, non desencontro, o que implica superar non poucos e profundos prexuízos, materia obrigada nunha realidade diversa como é o noso continente. O galego forma parte dese discurso común.

 

Hai pouco tivemos ocasión de falar destas cousas en Bilbao, arredor da conmemoración do centenario da Euskaltzaindia-Real Academia da Lingua Vasca, onde acudimos representacións da Real Academia Galega, a Real Academia Española e o Instituto de Estudios Cataláns. Espallar a idea dese patrimonio común parécenos fundamental se queremos pensar nun futuro compartido. En termos políticos, cando se trata de harmonizar unha relación, as linguas non son só dos falantes senón daqueles que as recoñecen como parte dun espazo de convivencia, relación e respecto. O galego, o éuscaro e o catalán non son só linguas cooficiais nos seus territorios autonómicos senón unha realidade que o conxunto do Estado debe asumir como un activo da cidadanía, tesouro do que debemos sentirnos orgullosos todos, non exclusivamente os habitantes deses territorios. Se aceptamos que o castelán é noso (dos galegos, vascos e cataláns) en canto que lingua histórica de relación e recoñecemento, debemos asumir (e esixir) que os idiomas propios, coa súa historia, cultura e literatura, sexan entendidos como tales por andaluces, extremeños, murcianos, casteláns novos e vellos, non coma un problema, senón coma unha riqueza a compartir, respectar e avivar no seu desenvolvemento.

¿Pedagoxía social? Necesitámola, empezando polo Goberno e a administración do Estado, que nos representa a todos, e mais polos partidos políticos que lexitimamente defenden os intereses da pluralidade. A construción da Unión Europea, sen dúbida un dos grandes desafíos da historia contemporánea, atinxe igualmente esa diversidade, que na actualidade se concreta en 24 linguas oficiais, algunhas con bastantes menos falantes que o galego. No ano 2004 o goberno Zapatero presentou unha proposta no Consello de Europa para que se recoñecesen como linguas de uso na UE as linguas das autonomías. Daquela, o Consello asumiu solucións parciais que, malia todo, significan un paso importante: uso oficial en estamentos e comisións, dereito de acceso dos cidadáns utilizando estes idiomas, dereito a ser respondidos neles, dereito a tradución de documentos, etc. A celebración do día 26 pode ser unha boa oportunidade para seguir avanzando.