Emerxencia infantil

OPINIÓN

22 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre me resultou irritante escoitarlle a un pai ameazar a un neno inquieto coa chegada da policía. Talvez esta exasperación me vén porque meu pai era do corpo. Pero os seres malignos tamén alcanzan a médicos, bombeiros e outras profesións que, máis que asustar, o que deberían é darlles aos nenos seguridade e confianza. Dende hai moito tempo, determinadas institucións, mestres ou profesionais de emerxencias veñen loitando para que a seguridade viaria e os primeiros auxilios se inclúan dentro do currículo escolar das etapas infantil e primaria. Nalgunhas comunidades conseguiuse, e mesmo se aprobou un real decreto no 2014 ao respecto. Mais aínda queda moito por traballar. Os nenos teñen que ser nenos, pero deben aprender dun xeito lúdico cómo deben actuar diante dunha situación de emerxencia. Talvez axude a concienciarnos o que vén de acontecer con ese neno de 4 anos que, nunha vila de León, se converteu nun pequeno heroe non só porque chamou ao 112 dicindo que súa nai, diabética, estaba deitada no chan, senón tamén porque anainou ao seu irmanciño de tan só 24 días para acougalo mentres chegaban os servizos de emerxencia. Os feitos, por moi adornados que estean, non lle tiran para nada o mérito ao neno, pero non debería ser algo extraordinario se todos os nenos recibisen, como recibiu el, unha boa clase de emerxencias. Non esquezo a vez en que a un meu cuñado se lle perderon os xemelgos de catro anos. A desesperación foi evidente para todos, agás para meu cuñado, que confiaba neles. E, efectivamente, os nenos, sen perderen os nervios, seica entraron nunha tenda, explicaron que estaban perdidos e cantaron case ao unísono o número do móbil que aprenderan xogando con seu pai