Corrupcións

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

21 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vale. Copiar non está ben. E copiar con consentimento, por trato de favor, está aínda peor. Pero... hai cousas peores.

Aos que detectaron, xa dimitiron. Outros xa publicaron os seus traballos para que todos poidamos comprobalo. Aínda queda quen se nega, dándolle voltas a unha tortilla que está máis que desfeita, pero alá cada un. Algún que pegou un tiro ao aire a ver que pasaba, sementando dúbidas que logo resultaron ser falsas, anda engadindo por aí liñas ao seu propio currículo coma se non pasase nada... Pero xa está ben. Este xogo xa se está pasando. Aquí hai que ser serios tamén. Antes de acusar, comprobar. Que está claro que hai unha fraude? Denunciar (non antes, coma un globo sonda a ver se acerta, e, mentres, todos nerviosos). E unha vez probado, dimitir. Non é moi difícil.

Iso si. Se tanto nos preocupa que nos mintan no currículo, ou que o consigan de maneira ilegal, cousa que comparto, procedamos do mesmo xeito cos outros delitos. Porque corrupcións, hai moitas. E se esta nos afecta, que nos anden limpando os cartos públicos en lugar de investilos en nós, paréceme terrorífico. Pago os meus impostos sen piar. O que me corresponde segundo unhas leis coas que ás veces estou de acordo, ás veces non. Pero eu pago e cumpro o ditame. Igual para todos! Quen non o faga, quen sexa un corrupto, máis ou menos, dun ou doutro xeito, non merece ser o noso representante. Que dimita. Xa non debera ostentar o posto, pero por se iso pasa, polo menos que se vaia. Non esquezamos outras corrupcións.