Non dormen

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei como o fixeron nin o quero saber, non me importa, o único que me congratula é que o conseguiron. «A policía non é parva». Os ditos, saian de onde saian e veñan de onde veñan, acertan. Pasaron vinte anos. Vinte. A Nicky Verstappen ninguén o podía devolver á vida desde entón. Pero era moi inxusto que o acusado de acabar con ese rapaz de 11 anos puidese seguir o seu camiño coma se nada. Semellaba que o tragara a terra. E case! Engulir non o engulira, pero estaba a proporcionarlle un acubillo case perfecto. A súa protección era, nin máis nin menos, a natureza, así de sinxelo. O suposto autor do asasinato máis famoso de Holanda, Jos Brech, vivía no medio do monte.

O que para moitos sería sinónimo de desamparo e medo, para el era a total protección.

Non en van, os terribles feitos de hai dúas décadas producíranse nun campamento de verán, onde o pequeno durmía tamén nunha tenda de campaña. En teoría, Jos era un dos coidadores, pero resultou en realidade un depredador. Un nunca sabe onde ten os perigos.

Mais chegou a hora de axustar contas. Si, quizais moi tarde, pero chegou. A Policía Nacional deu con Jos nun monte de Barcelona. O experto en supervivencia saíu a cortar leña e foi apreixado. E a min reconfórtame. Un pouco, porque a desgraza xa foi. Pero faime crer de novo na xustiza, que non dorme, e acaba por actuar.

Por iso non quero que nos conten como conseguiron detelo. Que non desvelen. Que sexa tan só, coma este caso, eficaz. E que poidamos crer. E descansar. E durmir.