Desmantelan patria

Luís G. Tosar
Luís González Tosar A CANEIRO CHEO

OPINIÓN

06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o mesmo intre no que Virginia Pereira, a compañeira, e Rodolfo Prada, irmau na Idea, home de confianza e albacea, pecharon os ollos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, aquel fatídico 7 de xaneiro de 1950, o cuarto 202 do Sanatorio do Centro Gallego de Buenos Aires pasou a ser historia de Galicia. Tal foi así que ningunha directiva, ningún presidente -nin o franquista Ramón Mourente- da exemplar institución (moito máis ca unha mutua, referente da nosa identidade durante a longa noite de pedra), a ninguén -incluídos os gobernos ditatoriais da República Arxentina- se lle ocorreu prohibir as visitas a aquel austero cuarto de hospital. Quedou suspenso no tempo, como testemuña do derradeiro alento de quen lograra, co lapis e a palabra, con humor e dignidade, conmover á inmensa lexión dos desterrados do seu pobo. Homes e mulleres afeitos a sufrir e calar, cun único dereito, soñar coa terra de nacemento. Castelao foi o guieiro, por riba dos partidos políticos, e o Centro Gallego é o símbolo do que fomos capaces de erguer, xuntos, a casa común da Galicia Ideal. Agora, cando Galicia ten autogoberno e instituciós de seu, cando semellan os tempos chegados, alguén, un arxentino que descoñece o significado da residencia de Boulogne Sur Mer (Francia), onde faleceu o libertador José de San Martín, deu orde de desmantelar. O obxectivo é baleirar, de xente e de memoria. Il e os seus testaferros queren vender para especular; o resto non lles importa. Empezando por Castelao, o ilustre exiliado, artista recoñecido, escritor célebre, honrado cunha céntrica praza en Buenos Aires (Independencia e Bernardo de Yrigoyen), continuando cun espléndido patrimonio cultural a 12.000 quilómetros da Galicia territorial (quen llelo dese a outros!) e rematando no cemiterio da Chacarita, nun panteón ornamentado nada menos que por Asorey. O pasado maio acompañei ao escritor Xabier Quiroga ao Centro Gallego. Cando solicitamos ver o cuarto 202, viñéronnos coa desculpa de que a segunda planta estaba «en refacciones». Semellante ignominia merece unha resposta contundente. Daniel é noso!