A estrela vendimadora

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

02 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aparece entre o 15 de agosto e o 15 de setembro. Dende a porta grande do pazo da Pateira, en Beade, corazón do Ribeiro, pode verse por estas datas, enxergando a constelación de Virgo: unha luz diferente das demais. Os construtores do pazo, casa grande con alicerces no século XII e as armas dos Monteiro, Yáñez e Ojeas no seu escudo, seica deseñárono inspirándose en antigas sabedorías templarias (iso conta a tradición). Nos solsticios de inverno e de verán o sol fai liña coa cruz da entrada apuntando o camiño do corredor. Mais por estas datas de agosto e setembro aparece no ceo a estrela, coma un milagre que se repite, anuncio da fartura do viño, cestos, queipos e coleiros, os acios a madurar nos espalleres e nas parras.

Otero Pedrayo, que escribiu moito sobre estas terras, especialmente queridas para o señor de Trasalba, igual que todo o Ribeiro, contaba que a xente desta parte do mundo distinguía entre as videiras armadas en espalleres, ordenadas en socalcos para aproveitar o sol nas caeiras, e os emparrados, que cubrían as portas e os camiños, «cando os paisanos podían entrar en Ourense de a cabalo, á sombra das uveiras». Tamén dicía que o mellor viño destes eidos era o branco, máis fino, máis cobizao pola curia e o señorío. O tinto (mencías, sousóns, caíños e brancellaos) era o preferido polos paisanos.

Andei estes días por terras de Beade na compaña de bos amigos. ¡Canto queda por tripar e coñecer do país! Fronte a igrexa de Santa María, vella memoria dos cabaleiros templarios, cos restos da antiga Encomenda da Orde de San Xoán de Xerusalén, príncipes hospitalarios de Malta e de Rodas que aquí administraban a fartura, o visitante pode ver o calvario que tanto admirou Castelao, quen o reproduce nas derradeiras páxinas de As cruces de pedra na Galiza, unha das poucas mostras deste tipo de conxuntos escultóricos (Cristo no medio dos dous ladróns), tan comúns pola contra nas composicións da Bretaña. Dos frades guerreiros da Orde de San Xoán de Xerusalén tamén falou Otero: «Os cabaleios da espora dourada e os brancos mantos», nun fermoso artigo publicado na revista Galicia de Buenos Aires, en 1950. Outra cousa de admirar na igrexa parroquial son algunhas mostras de imaxinería barroca do artista compostelán Francisco de Moure (1576-1636), entre elas un magnífico San Bartolomeu que me lembrou o da miña parroquia pontevedresa.

Pero o que máis chamou a miña atención foi a paisaxe, as encostas verdecidas, a fartura do viño a madurecer nas veigas, os acios cargando zucre, a poboación nun alto, dominando o val, o Avia correndo ao fondo, na procura do Miño e do Arnoia, a Pena Corneira señoreándoo todo, e o aparición da estrela vendimadora, que ha de estar para chegar. Seica por estas datas os señores da casa grande asomábanse ao balcón e, chegada a hora, anunciaban ao mundo a noticia.