A inxustiza da desmemoria

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

29 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca esquecerei a imaxe de José Humberto Baena estático, en branco e negro, na foto de DNI que ocupaba a pantalla do televisor. No abrente do 27 de setembro de 1975 fora fusilado por orde do mesmo ditador que situou a España no eixe do mal durante a Segunda Guerra Mundial, logo de dar un golpe de Estado contra o réxime constitucional e democrático da República.

Nos seguintes corenta anos non cesaron as represalias contra «quen perderon a guerra». O axustizamento do noso amigo e veciño foi o estertor dun réxime enfermo de odio. A súa irmá Flor mantén vivo o empeño de súa nai e de seu pai, de que se revisen o xuízo e a sentenza de Peter, pois está probado que o mataron por un delito que non cometeu. Teno difícil porque, outros corenta e tres anos despois daquela ignominia, a ninguén parece importarlle que saia á luz a verdade.

Escoitamos a catedráticos de historia e xornalistas argumentar en medios de comunicación que durante o franquismo só se axustizaban criminais, nunha vaga de mentiras que certifica a deshonestidade académica, profesional e moral de quen as utiliza.

Lorca é a máis coñecida evidencia desta falacia, pero son milleiros as mulleres e os homes, vítimas da represalia política, torturados, encarcerados e asasinados durante a ditadura, e todos merecen que se saiba a verdade e se lles restitúa a honorabilidade. Os herdeiros de Goebbels repetirán as mesmas mentiras até que suplanten as verdades nesta xeira de fake news, onde os seus predicadores gobernan imperios, países ou partidos políticos, pero no noso país precisamos sandar as feridas con xustiza, recoñecemento e -despois- perdón.

Sei que somos moitas as persoas moderadas que compartimos este sentimento e que non temos cornos nin rabo: a min, que me rexistren.

Só van atopar demanda de respecto para os esquecidos e inxuriados e a petición de unión para restituírmos a honra -non só, pero tamén- de Baena.

Por el e pola súa familia, símbolo necesario do triunfo da xustiza aquí e agora, na Galicia onde o coñecemos, o quixemos e o seguimos a chorar.

Era membro do FRAP, pero estaba en Portugal o día que alguén cometeu o crime de matar a un policía, polo que foi detido, sentenciado e fusilado.

Os recursos presentados para anular a sentenza non frutifican porque o consello de guerra que a emitiu é anterior á legalidade constitucional establecida en 1978.

Mentres tanto, nos libros de Historia, aquel rapaz que vivía en Vigo preto do Seminario, estudara no Instituto Santa Irene, facía teatro en Esperpento, estudaba en Compostela e tivo a ousadía de pensar que tiña dereito -como tantas de nós- a facer política contra un réxime ilegal que prohibía, precisamente, facelo dentro das institucións, seguirá aparecendo como un infame criminal.

A amnesia é o trastorno, non a solución. Como cada 27 de setembro, Baena será recordado no cemiterio civil de Pereiró.