Falsificacións

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Falsifícanse cada vez máis cousas. Pezas de roupa. Perfumes. Títulos universitarios. Viños. A min daríanma con queixo. E sen el. Porque non me fixo en certos detalles e, se a falsificación é boa, douna por auténtica. Se merco nun establecemento legal, penso que o produto tamén o é. O engano dóeme, por suposto. Máis porque me sinto vulnerable, desamparada, incapaz de evitar a estafa. Ás veces, ademais, a diferenza é ben nimia.

Na roupa, practicamente imperceptible. Nos perfumes, que a duración do aroma é menor no tempo. E iso como podo detectalo? Peor: e o viño? Non son experta.

Eu só sei se me gusta ou non, pero son completamente negada para saber a verdadeira calidade. Daquela, poderían enganarme e venderme un viño malo cun prezo moi alto, e quedar tan panchos eles e tan convencida eu.

Se algún día vos agasallo unha botella de viño de baixa calidade, desculpádeme, non será de mala fe.

Certamente, se teño que facer un obsequio dun par de miles de euros, non sería a miña primeira opción mercar un litro de viño.

Quizais nin sequera sería a última, salvo que o agasallado fose amante tolo da bebida. Isto lévame a unha pregunta. Canto valor lle damos ás cousas? O económico? E este prezo, é permanente? Ou varía en función de modas? O esforzo, o sacrificio, o enxeño, a destreza... non serven de nada? Como se mide o tempo? Un obxecto que leva meses facelo, é valorado? Unha pintura, por exemplo. Canto vale un anaco de mineral extraída da mina?

Volvamos ao principio. Aos principios.