Parques temáticos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

26 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha produtora de televisión invítame a participar na gravación dun programa sobre Álvaro Cunqueiro e quedamos en Santiago, nas Praterías, diante da figura do rei David, o rei poeta, figura da que tanto gustaba o de Mondoñedo. A idea era gravar unha breve conversa; mais para a nosa sorpresa o espazo estaba ocupado. Eran as seis da tarde. Nas escaleiras non cabía unha alma. Un actor organizara un espectáculo no que participaban algúns voluntarios do público, supoñemos que turistas: improvisaban un striptease cun grande aparato de megafonía. Non foi un striptease completo, mais ben era unha parodia. Pero alí non había sitio para nada máis.

Acordamos, xa que logo, subir ata a Quintana, onda a Porta Santa. A xente amoreábase contra a parede de San Paio. Os guías turísticos alzaban os paraugas, a xeito de indicadores, para non perder os seareiros, e sinalaban co punteiro a Torre do Reloxo. Unha moza instalou rapidamente un equipo de son diante das escaleiras, que facían de anfiteatro, e xa non agardamos a que empezase. Subimos para a Acibechería. Tampouco foi posible parar alí. Dende o arco de Xelmírez subía unha voz de soprano interpretando unha aria. Acabamos polas ruelas da Algalia.

Unha caricatura? En absoluto. As colas para ver o pórtico da Gloria son espectaculares, e unha autoridade eclesiástica comentoume, bastante desacougada, que a ver que facían agora co Santo dos Croques, que o santiño non se pode tocar, e sen os croques no santo, a saber onde irá parar a ciencia, a imaxinación, o talento, a sabedoría de tantos séculos transmitida a través da cabeciña de San Mateo, ou de Fernando II oferente, de xeración en xeración. A quen non levaron de neno para axudar a aprobar as reválidas? Seica lle queren poñer diante un metacrilato. Ou dar os croques por Internet. Andan na rede varias listaxes de cidades europeas que se senten ameazadas polo turismo de masas, fenómeno da segunda metade do século XX que chegou un pouco máis tarde a España, e agora empeza a manifestarse masivamente entre nós. A primeira de todas é Venecia. Tamén están Barcelona, París, Budapest, Florencia… Aínda non aparece Santiago. Todo chegará. A porcentaxe de participación da industria do turismo no PIB galego subiu case cinco puntos nos últimos anos (anda agora nun 12 %), e é unha boa noticia, non serei eu quen defenda purismos parvos, pero Compostela empeza a parecerse a un xigantesco parque temático, e isto debe obrigarnos a reflexionar. Un dos grandes desafíos que teñen as industrias da cultura, das que o turismo forma parte (patrimonio, folclore, espazos naturais, tradicións, museos e gastronomía) é a súa explotación incontrolada. Malia o que se di, este tipo de industria tamén contamina. E non seriamos os primeiros que morresen de éxito.

Que a participación da industria do turismo aumente o seu peso no PIB galego é boa noticia, pero Santiago empeza a parecerse a un xigantesco parque temático