Especies invasoras

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri AUGA DE MUÑICO

OPINIÓN

22 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As especies invasoras están de notoria actualidade por causa das picaduras da avespa velutina, pero son moitas máis as variedades de animais e vexetais que se instalaron, e se están a instalar, en Galicia, nos medios mariño, terrestre e doceacuícola, aínda que a maioría sen a negativa incidencia sobre a saúde das persoas que ten a avespa procedente do sueste asiático. As especies que son propias dunha área zooxeográfica determinada denomínanse autóctonas, mentres que as que proceden de zonas afastadas coñécense como alóctonas. O asentamento destas últimas noutros territorios non é un fenómeno actual, xa que forma parte da dinámica natural do planeta. Sen ir máis lonxe, a nosa especie, Homo sapiens, é tal vez a máis destacable de todas, xa que dende a súa orixinal área africana expandiuse por todo o planeta, incluíndo a meirande parte das illas máis afastadas. O mesmo se pode dicir de moitos dos produtos de maior consumo diario, non orixinarios da nosa terra, como a pataca, o millo ou o tomate, que viñeron de América; ou o eucalipto, que frei Rosendo Salvado trouxo dende Australia.

Non obstante, nas últimas décadas incrementouse notablemente en Europa a presenza de especies alóctonas, e destas catalóganse como exóticas invasoras aquelas que teñen unha negativa incidencia sobre a biodiversidade autóctona, coa que compiten con vantaxe ou incluso chegan a eliminar, ou teñen un forte impacto sobre os recursos agrícolas, marisqueiros e forestais.

Sen dúbida, a globalización é a responsable deste incremento das especies exóticas invasoras, pero a lexislación española medioambiental e as directivas europeas parecen de obrigado incumprimento en España, xa que a Administración non controla coa efectividade necesaria as importacións de produtos e materiais susceptibles de albergar especies invasoras, ou transixe ante cultivos ou plantacións, como o plumeiro da Pampa que na AP-9 se instalou de norte a sur e hoxe está espallado por todas partes. Amais da avespa asiática, a lista é longa: unlla de gato, acacias, cangrexo americano, mexillón cebra, ameixa de río asiática e visón americano, só por citar unhas poucas. Merecen especial mención, pola súa recente introdución e grave incidencia, a avelaíña papabuxos, a avelaíña guatemalteca das patacas e a formiga arxentina, que ademais de eliminar ás autóctonas, está moi ligada ao hábitat urbano. Eu podería contarlles mil cousas desta formiga que padezo na miña casa dende hai uns poucos anos.

En Galicia son máis de cincocentas as especies exóticas invasoras catalogadas, principalmente no medio terrestre, pero no medio mariño o coñecemento é aínda moi escaso. Con todo, na actualidade están catalogadas en Galicia moitas especies de macroalgas, peixes, crustáceos e moluscos introducidas por varias vías: maricultura, importación de semente de bivalvos, incrustacións en cascos de barcos e nas augas de lastre. Debe terse en conta que a presenza dalgunhas especies é debida ao cambio climático e outras entraron con pasaporte legal, como a ameixa xaponesa, introducida para cultivo pola Administración autonómica. As variedades mariñas de maior impacto nas costas de Galicia son a alga Sargassum muticum, do sueste asiático; e o gasterópodo Crepidula fornicata, das costas atlánticas norteamericanas, as dúas cunha capacidade invasora moi alta.

Todas van quedar aquí e outras máis que virán, polo que só queda unha solución, temos que aprender a vivir con elas e coñecelas como facemos coas autóctonas.