Nós xa avisamos ao Juan Ramón de que non se fiase daquel bar. Pero el, que é teimudo, facíanos pasar alí horas alegando as excelencias do local. Tranquilidade, bo trato… e empanadas de congro. Era raro que un bar fixese empanadas de congro. Aquel, si. O Juan Ramón pedía racións por pares. E un día ocorréuselle facer un encargo. Quería levarlle a dona Antolina, a súa sogra, aquel exquisito manxar. En Plasencia non coñecían as empanadas de Verín, e, moito menos, as de congro de Verín. O certo é que todos os seus galanos foran magníficos. Dende as navallas do supermercado que el facía pasar por navallas de Portonovo ata as nécoras, tamén do supermercado, que el situaba en orixe por baixo dunha roca de cuarcita do mar bravo de Arousa. Digo cuarcita por non dicir filita, cornalina, moldavita, pirita ou turmalina. El abusa da súa condición de xeólogo e cando fala de pedras hai que chamarlle a atención. «Para!», berra o Mariló. Juan Ramón contaba as marabillas dos seus regalos a dona Antolina. Quedou abraiada, e non é para menos, cos viños de Monterrei: supremos. Tamén cos pementos de Oímbra e o cabrito dos nosos montes. Todos os seus obsequios eran un éxito. Ata que chegou a empanada de congro. Encargouna a pesar dos consellos: «Mira que o do bar é un conichas», advertiu o Mariló, «Non ves que as empanadas de carne non levan carne?». O Juan Ramón mirouno con displicencia e alá foi, a Plasencia, coa vianda no maleteiro. Ao regresar foi o primeiro que lle preguntamos: «Que tal o regalo?». Pregou o cello. Mala cara. Irascible. Tiña anotada nun papel a frase exacta de dona Antolina: «Dile a los de tu pueblo que hacen muy rica la empanada de cebolla». Nós xa o avisamos.