Teatros en Buenos Aires

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Efectivamente, Castelao pronunciou o seu discurso do 25 de xullo de 1948, titulado despois Alba de Groria, no Teatro Arxentino, unha das salas de máis prestixio na capital porteña naqueles anos, alugada para a ocasión pola directiva do Centro Galego. A afluencia de público foi masiva, segundo os relatos da época, con desfile de insignias e estandartes das agrupacións comarcais e cualificada asistencia de autoridades. Era práctica común o aluguer de grandes escenarios para a celebración dos acontecementos sobranceiros da colectividade.

Naqueles anos Buenos Aires era a gran cidade de Galicia, o núcleo de concentración urbana mais importante de todas as cidades galegas, con máis de medio millón de persoas rexistradas. Aínda en 2001 contabilizamos case que 60 sociedades de carácter xeral, local ou comarcal, que como tales se recoñecían activas. O Teatro Arxentino inaugurárase en 1892, na rúa Bartolomé Mitre 1444-1448, e andando o tempo especializouse en grandes musicais, sobre todo nos anos 60, a imitanza das importantes salas do Broadway neoiorquino. Un grupo de extremistas filonazis (Movimiento Nacional Argentino) incendiouno con cócteles molotov o 2 de maio de 1973 para impedir a estrea do espectáculo Xesucristo Superestar, cualificado pola extrema-dereita de indecente e blasfemo. A sala ardeu coma unha palleira. Unha lei do goberno da cidade (1959) seica obrigaba a que cando una sala destas características (un teatro) cerraba ou se destruía existía obríga de recuperala, non utlizala para ningún outro fin. No ano 2011 iniciouse unha campaña para a recuperación do teatro, cun proxecto que anunciaba un edificio de 18 andares. Mais non houbo nada. No soar hai hoxe un aparcamento de autos.

Non foi o único gran teatro da colectividade. Nos anos 60 e 70 o Teatro Colón, sen dúbida a máis importante sala da capital arxentina, un dos grandes escenarios do mundo, reservaba as súas instalación para a celebración dos galegos o 25 de xullo, ás veces con actuacións durante toda a semana, en parte grazas ás xestións dun emigrante moi cualificado, Segundo Pampillón Rodríguez, exiliado no 36 (fora alcalde de Mos por Esquerda Republicana). Por aquelas datas xa funcionaba o Teatro Castelao no edificio do propio Centro Galego, pero sen cabida dabondo para a gran afluencia dos días sinalados, e uns anos antes, en 1957, Luis Seone pintara o xigantesco mural que preside o Teatro San Martín, mural que o artista titulou O nacemento do teatro arxentino, orgullo dos porteños e de todos nós. Houbo máis teatros: o Teatro Avenida, por exemplo; o Teatro Alvear, actualmente en proceso de reforma, segundo nos informa Roberto Martínez, xerente do Centro Galicia, sen contar salas menores dentro e fóra das asociacións galegas. O teatro Castelao, testemuña de tantas xornadas patrióticas durante décadas, pode agora desaparecer, se os galegos de aquí e de alá non sabemos reaccionar a tempo.