Cociña educativa

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

04 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No rural galego, sobre todo, a cociña era o lugar central da casa, onde se facía máis vida, onde se reunía a familia para comer, falar e escoitar. Cada un expoñía as súas vivencias e opinións e todos acababan sabendo da vida e dos problemas dos demais, o que favorecía a educación e un constante exercicio de solidariedade. Os pais aproveitaban para afondar no coñecemento das familias e inculcar aos fillos valores esenciais, que non teñen tempo nin ideoloxía, como son a honradez, a lealdade ou o traballo. Coa repetición e o exemplo adquiríase conciencia nidia do que está ben ou mal, e cando as cousas non se facían de acordo con estes patróns, os remordementos eran unha fiel guía de conduta para toda a vida. A instalación dun televisor na cociña rompeu esa comunicación. «Cala a boca que estou a escoitar!» converteuse na frase que cortaba calquera iniciativa. Esta anestesia fronte á pequena pantalla propiciou que os modelos a seguir xa non estivesen na propia casa, senón fóra, nos personaxes famosos e nas mensaxes subliminares da televisión. Xa que logo, eses valores foron relegados ou mudou radicalmente o seu significado, estendéndose unha visión cómoda e hedonista da vida. Os novos están convencidos de que as cousas se poden conseguir con pouco esforzo e de que todos han ser sans e ricos.

A estocada definitiva veu da man dos móbiles. Xa dá o mesmo que estea aceso ou apagado o televisor, pois antes e despois, ou mesmo ao longo da comida, a vista apenas se levanta da pantalla, para poder prestar atención ás posibles mensaxes, novas ou xogos. Cada un está ao seu, cun determinado aparello, que absorbe totalmente a atención e chega, en moitos casos, a facerse aditivo. Non hai tempo para escoitar, para analizar os problemas dos fillos, para aconsellar; para educar, nunha palabra.

As consecuencias son cada día máis preocupantes: fillos inmaturos, con graves problemas de comportamento; pais que protestan polo trato que lles dan a aqueles ou polas cualificacións académicas que reciben, sen terse preocupado antes dos seus auténticos conflitos; denuncias a mestres porque non saben ensinar ou porque son demasiado esixentes, sen unha análise previa da verdadeira realidade dos feitos.

Non sei se a cociña tería que ser de novo educativa pero, en calquera caso, non podemos seguir así. As novas tecnoloxías son un medio, necesario e eficaz, se se empregan con xeito, pero non deben ser un fin en si mesmas, que obstaculice as relacións humanas e o que é peor, a educación dos fillos.