Predicar co exemplo

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

04 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

María Judithe Martins, a vítima do máis recente crime machista en Galicia, tiña 57 anos e o último que viu antes de morrer foi ao seu home a cravarlle un coitelo no pescozo. Diante deste feito terrible, o goberno galego fainos saber, mediante unha declaración oficial dirixida a toda a sociedade galega, que hai que condenalo e que debemos «rebelarnos contra a repudiable lacra da violencia de xénero» (sic).

Daquela, pregúntome qué pretenderá conseguir con este pronunciamento quen ten nas súas mans a capacidade -e a obriga legal- para facer moito máis que repudiar.

Isto é, traballar para que o terrorismo de xénero deixe de ser algo cotián e asumido como unha noticia recorrente e inexorable que, cada certo tempo, produce infinitos minutos de silencio por parte das autoridades sensibilizadas.

Porén, din que son eu -e vostede- quen se ten que rebelar… Manda truco.

Facendo un exercicio de cortesía, quero responder amigablemente ao comunicado gobernamental (porque me sinto concernida na expresión xenérica que atinxe á sociedade galega) propoñendo que as nosas autoridades teñan en conta algunhas miudezas.

Por exemplo, que se deixen de silencios e se concentren na acción. Que comparezan en cada caso de violencia machista que motive unha denuncia.

Que publiquen os nomes dos criminais que asasinan, violan, torturan ou acosan a mulleres.

Que dean exemplo co uso de linguaxe inclusiva.

Que, cando haxa un feminicidio, asistan aos enterros, poñan as bandeiras a media hasta nos edificios institucionais e se declare loito oficial. Que se aumenten os recursos de protección para quen xa teñan ordes de seren protexidas. Que tomen en serio, por favor!, este drama colectivo.

E, sobre todo, que se pregunten que farían se unha soa persoa -xa non digamos as 945 mulleres asasinadas desde 2003- fose vítima dun atentado de terroristas etarras. Ou xihadistas.

Ou deses psicópatas que, de repente, matan á rapazada nunha escola, aparentemente por que si.

Pediría tamén que se preguntasen por que non se ofrecen lugares oficiais e públicos para os funerais, nin se arbitran medidas de apoio para as familias, nin se persegue -de oficio- a quen incumpre as medidas provisionais.

Ou por que pechan os ollos cando pasan diante dun club de estrada coas persianas baixadas e as luces de neon prendidas, sabendo que no seu interior hai mulleres traficadas, secuestradas e obrigadas a prostituírense.

Daquela, obedezo rebelándome, claro que si. Pero preciso que me digan contra quen.

Porque o que me pide o corpo é rebelarme contra quen me pide que o faga.

Evidentemente, algo está mal nesta mensaxe… Se cadra, sobra oportunismo e falta coherencia, porque lembra aquela consigna que algunha vez escoitamos a quen dá consellos nos que non cre: ti fai o que eu che digo pero non fagas o que eu fago.