O guapo de Alxeciras

Imma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Javier López | EFE

04 ago 2018 . Actualizado a las 23:33 h.

Houbo un tempo no que Pablo Casado me parecía guapo. Pensei que tiñas mellor gusto, dicíame un amigo ofendidísimo. Pero eu sempre contestaba o mesmo: que a política non nos obnubile, Casado é obxectivamente guapo. Dá a sensación de que, unha mañá despois dunha noite de troula, vaite espertar para almorzar té en cuncas de porcelana de Limoges, unha rosa na boca, mirándote comprensivo mentres ti secas as lagañas de rímmel corrido, rañas a cabeza espeluxada e pregúntaste se sería este tipo que che sorrí con dentes branqueados o que che sacou as lentes de contacto, así vestido de liño branco, perdoándoche a vida. Parecíame tan guapo que lle ocultaría todo o meu rojerío con tal de que me rozase coa súa cara perfecta acabada de barbear. Ata que se puxo a dicir máis estupideces das habituais. Recibín do amigo ofendido a foto de Casado dando a benvida a unhas persoas que acababan de chegar a Alxeciras, a saber desde que lugar pobre de África. Sobre eles, falara mal un par de días antes, repulsivamente mal, con ese discurso manipulador da ultradereita máis perigosa, cargado de odio contra quen é diferente e, sobre todo, pobre. Porque un alemán é diferente, pero ao guapo de Alxeciras válelle. Foi ver esa imaxe hipócrita, sorríndolle a un raparigo negro que non sabía quen era aquel chuliboy que lle daba a man, e vomitei.

Na miña cabeza vin claro como corría a lavar a man no baño do primeiro bar, e imaxinei espertar onda el unha mañá, cheirándolle o alento, pedíndome coa voz ronca un ibuprofeno e un café nun mug gordo con futbolistas do Real Madrid pintados. Teño que deixar o alcohol. Se ben se lle ve que aprobou a carreira por guapo. Chamei ao meu amigo para dicirlle que o guapo era el.