Falamos porque somos humanos

OPINIÓN

16 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun recente foro auspiciado polo xornal ABC, Albert Rivera pediu a Pedro Sánchez que non recibise a Quin Torra en tanto non pida perdón polos insultos que hai anos proferiu contra os españois. Aínda que ese non é o tema, oculta Rivera que esas desculpas xa foron dadas. O tema é a negativa ao diálogo.

Que un político propoña algo semellante, cando a política é esencialmente, dende Atenas aos nosos días, diálogo en procura de acordos que eviten os desacordos, deixa a un suspendido na eternidade. Porque hai que ser moi claro: a política móvese nos eidos dos intereses, por iso procura o seu equilibrio, non nos da moral, e menos nos da moralina. E como estamos diante de intereses visiblemente contrapostos, o que nunca pode facer un político é non estar dentro desa realidade, a non ser que queira que esta o engula.

Ben sei que Rivera non é o único que pensa así. As simplificacións son sempre o recurso dos autoritarios e dos ditadores. Eses non falan, actúan e resolven. Pero esquecen, como lle pasa a Rivera e a moitos, algo tan sinxelo como que, como somos humanos, o noso natural é falar. Ana Botín, máis intelixente, suxire «seducir aos cataláns».

¿Sabe alguén dalgún outro procedemento para, en política, resolver os conflitos de intereses? Xa se ve para que serven os tristes sucedáneos ata agora empregados: art. 155 CE, o non ao diálogo, o portazo, ou sexa, a dialéctica joseantoniana dos puños e as pistolas, que un coidaba esquecida.

A política de verdade é outra cousa, que pode resultar moi difícil, e que sen dúbida o vai ser. Pero non por ser difícil deixa de ser unha necesidade executala neste momento en que a sociedade, por canseira, pide un cambio. Pois cambiemos exercitando o que de máis humano temos, que é falar.