Ninguén deixa a súa terra por gusto. Os que morren no Mediterráneo, os que son parados no muro de Trump, os estafados por traficantes de persoas, non emigran por gusto. Esquecémolo pero forma parte da nosa propia Historia e da nosa memoria, pero tamén da dos italianos e os alemáns. Os que morren no Mediterráneo por milleiros, quen pagan a pasaxe das fillas para que cheguen onda nós, non o fan por gusto. Teremos que volver ler a Rosalía para reparar no que dixo, reencontrar na poesía e a cantiga popular aquela agonía morriñenta de quen ía para a Habana e deixaba xente que coñecía por un mundo que non viu. Universal. Agora que Europa convirte a emigración nun asalto do que defenderse compre entender que ninguén marcha da casa por gusto. Pero en realidade esta xenofobia non é Europa senón dalgúns europeos, tampouco foi Europa quen perseguiu aos xudeus, senón algúns europeos. Tampouco os xudeus se moveron por gusto nas súas sucesivas diásporas e expulsións. Eles poden contalo aínda que tampouco o lembran máis que para o que lles interesa.
Máis vale irnos afancendo á emigración. Verlle a parte positiva e, se non queren, a inevitable, porque isto non ten volta. Vai ser mellor ir integrando e comprendendo aos migrantes antes de seguir construíndo muros imposibles, sexan de Xogo de Tronos ou os de Walking Dead. Vivir na ficción dásenos mellor no mundo de hoxe que afrontar a realidade. Europa non medra e o Sul seguirá medrando coa nosa axuda e seguirá vindo cara nós porque non ten condicións para dar expectativas de futuro á xente nova e aos pais e nais que miran polo futuro dos seus. Non hai garantías de igualdade nin de mellora que reteñan alí mansamente o produto da bomba demográfica, se queremos chamarlle de forma tan inconveniente. Fuxindo da cerna do asunto a algúns europeos ocorréuselles a opción defensiva do fomento da natalidade europea como se estivemos na posguerra, pero esa opción é contrahistórica, contracultural e contraempírica. Alá cada quen coas súas fantasías mentres non as convertan en obrigatorias. As mulleres europeas non volverán parir fillos e fillas como pariron dende a revolución industrial ate 1968, animadas pola ciencia, a relixión e o mercado de traballo. Iso acabouse por iso que se explica na escola e que se chama cambio social. A outra opción son os muros, imposibles para os pacifistas e para a convivencia pero ideais para os belicosos dirixentes racistas que en Polonia, Italia, Hungría, Austria e -que medo- tamén en Alemania, pregoan a pureza racial. Non o vemos? Non vemos as vellas pantasmas derrotadas volvendo cabalgar?
Argumentos para afacernos á emigración e entendela témolos. Vendo no Mundial de fútbol as seleccións de Bélxica, Francia ou Inglaterra, os seus apelidos e as súas cores, triunfar fronte aos americanos. A unidade racial da outra semifinalista, Croacia, logrouse precisamente dun xeito ben pouco atractivo. Cando paseamos polo Ribadeo indiano destes dias tamén entendemos os migrantes de hoxe. Podemos adicar esforzos a superar as dificultades da integración ou empeñarnos na segregación. Iso é o que temos que decidir hoxe en Europa sen sofismas.