Máis de cen faros de diferentes categorías, formas e cores alumean con luz de vida a nosa recortada e sinuosa costa galega dende Ribadeo ata A Guarda, incluídas as numerosas illas. En Galicia, onde a terra bica ao mar, estas torres noutrora indicaban cos seus sinais luminosos, visuais e acústicos ata onde chegaba a costa. Hoxe en día, e debido á evolución das comunicacións e das novas tecnoloxías, son o vestixio máis valioso daquela época cando guiaban aos navegantes para protexelos dos afundimentos e as posteriores traxedias. Deses máis de cento e moitos faros, temos en torno a 15 considerados de primeira orde polas autoridades portuarias e quizáis eses sexan os máis significativos, vistosos e históricos. O faro máis antigo e con máis história de todos os galegos é a Torre de Hércules; construído entre séculos I-II d.C. foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade no ano 2009 e constitúe unha auténtica xoia arquitectónica, o farol en activo máis antigo do mundo, con máis de mil anos de historia. Agora que grande parte de todo este inmenso patrimonio cultural marítimo perdeu a súa funcionalidade orixinaria, moitos deles acollen novos usos como centros de interpretación, salas de exposicións ou conferencias, tendas de artesanía, hoteis, restaurantes…, ou simplemente xoias de atracción turística. Sei que estas testemuñas silenciosas da convivencia entre o home e o mar que tanto nos quita e tanto nos dá son un ben a protexer, mais neste senso teño unha dicotomía: por un lado a súa privatización con fins hosteleiros, fundamentalmente, está a garantir a conservación de moitos faros dun deterioro inevitable, pero ao mesmo tempo impide a grande parte da cidadanía gozar dun patrimonio público cuxa luz non debera nunca esmorecer.