Pode que algo estea cambiando

OPINIÓN

09 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que si, que algo estea cambiando, e penso que para ben. Porque o ambiente da política deste país destes tempos foi irrespirable por moi diversas razóns, como o continuo recurso á mentira, a xustificar as cousas máis inxustificables, dende a corrupción a calquera manipulación, ou gobernar para uns cantos e en contra dos máis...

E xa non falemos da total ausencia de verdadeira actividade política, aquela que ten como alicerce fundamental o diálogo, o pacto, os acordos que eviten desacordos maiores, unha política que nada ten que ver coas maiorías absolutas, sempre sospeitosas, e si coa concordia, co equilibrio de intereses contrapostos, coa arte do bo goberno. Aquí o cambio nótase, e xusto será dicir que a sociedade o agradece, porque o diálogo afastou , ou iso semella, a pantasma do alporizamento.

A escasa cultura política deste país, despois de tantos anos de ditadura e logo de case outros tantos de democracia de non moita calidade, orixina graves erros, como o ben recente do acordo entre PSOE e Podemos para o anovamento de RTVE. A experiencia, xa se sabe, conséguese experimentando.

Se mirásemos ao Portugal de António Costa non atopariamos en Europa outro exemplo semellante, un exemplo de como a boa arte da política pode enfrontar situacións tan difíciles como as que o país veciño enfrontou, ben con Bruxelas, ben coa oposición, ben coa brillante traxectoria internacional dos seus políticos.

Aquí, a diferenza con Portugal, non haberá unha oposición construtiva. Será máis ben conflitiva. Aquí non se soubo, ou non se quixo, ou non se puido, comprometer á oposición nun proxecto común, seguro porque nos faltou a cintura política que António Costa vén demostrando. A fraxilidade española parécenos así moito maior.