Así titulou Valentín Paz-Andrade un coñecido poema seu, que dedicou a Álvaro Gil, que estivera preso nesa illa da ría de Vigo, a de San Simón. En efecto, fora -como declara o poeta- illa do amor e tamén illa da morte. Cómpre lembrar, unha e outra vez, estas dúas dimensións na biografía desta pequena ínsula, xa, no século XIII, escenario dunha extraordinaria experiencia protagonizada por unha mociña nova, a namorada da inmortal Cantiga de Mendiño, un dos grandes poemas amorosos da lírica medieval europea. É mágoa que non nos chegase a música da singular cantiga, pero contamos cos sons creados por Amancio Prada para tan vibrantes e desolados versos.
A illa de San Simón debería ser cátedra e santuario de poetas e de poesía se a Administración galega fose sensible ao significado e á relevancia deste illeu no concerto europeo da lírica medieval. Alí, en 1998, unha sabia filóloga italiana, Luciana Stegagno Picchio (1920?2008), chorou bágoas de emoción antes de ler o seu relatorio sobre os nosos Cancioneiros medievais. Era o ano en que o Día das Letras Galegas se dedicou aos tres poetas da ría de Vigo: Martín Codax, Joán de Cangas e o incomparable Mendiño.
Pero cómpre precisar. As bágoas da ilustre filóloga italiana non só as provocou o feito de acceder, por primeira vez, a un territorio poético emblemático, mil veces soñado por ela; provocounas, tamén, a circunstancia de que eu acababa de presentarlle a Manuel Barros (1920?2007), quen, con 16 anos en 1936, fora internado na illa, daquela un campo de concentración (o delicto: militar nas Xuventudes Socialistas Unificadas). Debemos aclarar que a sabia filóloga fixera parte da Resistencia italiana, como o seu marido, logo senador comunista. Así pois, a gran filóloga acababa de chegar a un territorio que o poeta Valentín Paz-Andrade caracterizara como Illa do amor, illa da morte.
Nesta fermosa illa, algúns dos prisioneiros escribiron poemas, relatos e páxinas memorialísticas moi importantes; tamén cartas, que é de xustiza localizar e exhumar. Hai tres anos logramos rescatar un valiosísimo epistolario, sempre conmovedor e sempre escrito con excelente pulcritude literaria por José Mejuto Bernárdez (Cangas do Morrazo, 1906?Pontevedra, 1937), un cidadán sen estudos especiais que foi fusilado cando acababa de cumprir 31 anos. Publicou o libro (Cartas de un condenado a muerte) a editorial Alvarellos, volume que contén tres prólogos (X. Alonso Montero, Olivia Rodríguez González e Ana Paula Mejuto, neta do autor) e unha perspicaz nota preliminar de Eduardo Galeano.
O domingo, día 8, á tardiña, un grupo de persoas, acompañando a Ana Paula Mejuto, leremos en San Simón fragmentos antolóxicos do exemplar epistolario, referidos, todos eles, a distintos lugares da illa, nomeadamente ao Paseo dos Buxos, que os presos, no seu día, rebautizaron co nome de Avenida de Teruel.