Lumes: cando aplicar a norma é subversivo


Despois do susto dos incendios do ano pasado algunhas cousas mudaron. Este xornal informaba estes días de que por fin moitos particulares decidiron facer as cortas e as limpas necesarias para cumprir unha norma que nunca se cumpriu nin se fixo cumprir pola Administración. Mesmo se descoñecía, cando non se desprezaba. Refírome a esa que obriga á limpeza do mato e á retirada de árbores pirófitas (non lles chaman así, pero por algo hai que eliminalas) nos arredores de zonas habitadas e nas beiras das estradas. Aínda máis, emendándose a si mesmo, o Goberno recuperou os 50 metros de distancia máxima das vivendas para as plantacións de piñeiros e eucaliptos. A toma de conciencia tivo varios detonantes. O primeiro foi a vaga de incendios do ano pasado que meteu o medo no corpo -por fin- a todo o país, pero houbo máis. 

Dous alcaldes fixeron este ano máis contra os incendios do monte en Galicia que todo o Goberno da Xunta en tres mandatos. O máis sonado foi o de Ribadeo, poñendo os medios para informar, comprobar, advertir de sanción, revisar o cumprimento da norma e previsiblemente notificar sancións aos veciños que non limparon os seus montes. Simplemente poñendo os modestos medios que ten un concello a disposición do cumprimento dunha norma forestal galega tan antiga como incumprida. O obxectivo declarado é intentar evitar desgrazas como as do outono pasado no sur de Galicia. Fronte a un Goberno que culpou primeiro aos pirómanos, despois aos cidadáns e, ao final, aos concellos por non vixiar as normas de limpeza dos montes, este alcalde asumiu toda a responsabilidade que podía ter e aínda máis, provocando un efecto de imitación na Federación Galega de Municipios, certa simpatía social e unha reacción que mobilizou vontades, obrigando ao propio presidente da Xunta a recoñecer que el tampouco limpaba os seus montes. Houbo outras reaccións. Algúns produtores forestais que culparon ás vivendas de estar preto do monte ou aínda preguntaron quen ía indemnizalos por limpar os montes ou seren multados. Reaccións chuscas que dan idea de onde vimos e por que pasou o que pasou.

Outro alcalde foi o de Teo que cunha sinxela e aparentemente inxenua solicitude ao comité de expertos do Ministerio de Agricultura para incluír o eucalipto no Catálogo de Especies exóticas e invasoras, logrou un ditame positivo que foi axiña negado polos responsables políticos do ministerio co curioso argumento de que a conclusión dos expertos fora política. O mundo ao revés. O asunto tamén provocou certa reacción en Galicia con argumentos peregrinos sobre o carácter invasor de especies que forman parte da nosa paisaxe, amosando un interesado descoñecemento da nosa historia agraria.

Conforta que os alcaldes sexan amigos de meu, aínda que iso obrigue a superar certo pudor ao escribir isto. Esta primavera de choivas fai medrar as plantas e as árbores que máis auga chupan. Plantas bravas como o toxo e árbores moi intensivos no consumo de auga como o eucalipto. Agora que está a chegar o calor volverán os incendios. Daquela falaremos doutro xeito das responsabilidades polos lumes. Algo avanzamos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Lumes: cando aplicar a norma é subversivo