O San Xoán é unha das festas tradicionais galegas máis agardadas e celebradas. De orixe pagá remóntase a tempos inmemoriais. Cristianizada a través de San Xoán Bautista, do que se celebra o nacemento, tenta laminar a forza destes cultos e costumes ancestrais, que conmemoraban o solsticio de verán, algo significativo en practicamente todas as culturas do planeta. Noite máxica, na que a natureza adquire unha forza especial, tamén noite do sobrenatural, na que fadas e meigas, disque, campan ás súas anchas porque ese é o seu momento. De aí xorden eses cultos que fan que se converta en algo distinto respecto a outras celebracións do ciclo do ano. No San Xoán, o lume nocturno en Galicia é coñecido con diferentes nomes como cachadas, cacharelas, cachelas ou lumeiradas, e serve para resaltar cultos de purificación e de sanación ao tempo que é un impulso para que o sol colla forzas no longo camiño que lle queda ata o solsticio invernal de finais de decembro. Saltar a lumeirada é obrigado recitando vellas copliñas tradicionais, «salto o lume de San Xoán, que non me morda cadela nin can, nin can nin cadela, nin becho que se arrastre pola terra». Lembro noutrora cando na cidade da Coruña cada barrio facía a súa lumeirada, era unha noite única, de unión entre a veciñanza; agora concéntranse fundamentalmente nas praias de Riazor e Orzán, onde o reflexo dos lumes na beira do mar semella que o Atlántico está a arder. Visualmente é fermoso e impactante, pero boto en falla aquel efecto de irmandade tribal da miña infancia que era onde residía a maxia desta noite. Non esquezamos tampouco coller as herbas sanadoras debidamente mesturadas na auga de fontes puras e abenzoadas polo orballo da noite. E se o corpo volo permite, ver bailar o sol nese mencer máxico.