Corazón sen papeis

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Aestas alturas xa todos coñecemos a historia máis recente de Mamoudou Gassama. Vin as imaxes na televisión e emocioneime.  

Un pai agarra a duras penas un pequeno pendurado dun balcón. Hai catro pisos de altitude. Se cae, o desenlace será fatal.

Imaxino que eu son unha viandante que pasa por alí nese momento. Que faría? A verdade é que non o sei. Supoño que berrar, pedir axuda, colocarme debaixo por se cae e son capaz de recollelo, ou remexer no bolso en busca do teléfono para chamar, aínda que todo se dilataría no tempo...

Que fixo Mamoudou? Rubir. Trepar pola fachada do edificio, sen liña de vida, sen protección, sen pensar que podería caer el tamén. É incrible a velocidade á que se vai pegando aos balcóns. Semella un gato fuxindo da auga, dun can, do lume, con eses impulsos que só nos dá o terror.

Cal era o medo deste mozo de Mali para ascender de tal xeito? Que a ese neno completamente descoñecido lle pasase algo.

Non o pensou? Si. Fíxose unha idea do que puido ser e comezou a impulsarse cos brazos e pés polo edificio arriba. Non chegou a entrar no balcón, só puxo medio corpo e antes ca nada meteu ao neno dentro.

FIN. Así de sinxelo, así de humano.

Esváranme as bágoas pola cara. Pareceume incrible.

E saben que? Era un inmigrante ilegal. Pero deulle igual. E se o collen despois diso? Poden repatrialo? Si. Pero, por unha vez, operou a xustiza. Gañou a nacionalidade e un traballo como bombeiro. Meréceo. Logrouno a pulso. Literalmente.

O corazón verdadeiro non precisa papeis.