O maio de hai 50 anos


Pasei o maio de 1968 na Universidade Complutense de Madrid, que amosaba moita máis vitalidade política nas súas rúas que nas súas aulas. Escoitei nas asembleas de estudantes os disparates máis extremos, coma unha proposta -ó parecer, trotskista- de converter a cidade universitaria nun campo de aterraxe para facilitar a chegada de revolucionarios europeos antifranquistas. «Se a revolución impera en París -dicían-, en Madrid, con Franco, danse as mellores condicións obxectivas para o noso triunfo».

E parecía que alguén cría naquilo (sobre todo, a policía secreta), pero a verdade foi que nada frutificou. Nin sequera as palabras perduraron. Aínda que as cancións de Dylan e compañía xa se ían convertendo en himnos nos colexios maiores universitarios e algúns seriamos expulsados deles por razóns de certo inexplicables. No meu caso, por ser o xefe dunha sección de teatro que «coqueteaba» con supostos deturpadores da boa imaxe de España, como Arrabal, Sartre e outros eurotoleiráns.

Aínda hoxe non é doado facer un balance sen trampear. De feito, eu sabía contra o que estaba daquela, pero nunca souben o que estaba disposto a facer por conseguilo. Quizais por iso, en 1969 collín un vello tren para Hendaia, pasei a fronteira a pé coma os demais e seguín no tren a París. E en París a decepción foi enorme. Nin rastro do maio do ano anterior. Ningunha credencial á vista. Ningún eco. Só uns emigrantes galegos que agardaban a saída do tren para España e que me explicaron que iso dos estudantes do maio francés fora «unha carallada de mozos antolladizos e consentidos».

Seguín daquela para Londres sen me deter máis en París. E en Londres -e sobre todo en Oxford- atopei a verdadeira cara do maio do 68. Porque alí xa todo deixara de ser unha protesta política, para converterse nunha forma de vida. E tan convencido acabei de que era así que seguín alí un mes máis e, á volta, intentei plasmar todo aquilo nunha novela titulada Oxford, amén, que foi unha sorpresa sobre todo para os que máis predicaban -e lamentaban- o fracaso do maio do 68. Porque ese maio, que tanto se empeñaban en cualificar de enorme fracaso político, foi de certo unha gran vitoria vital.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

O maio de hai 50 anos