A desaparición do sistema capitalista

Pedro Puy
Pedro Puy LIÑA ABERTA

OPINIÓN

20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha chanza, de entre as que os rusos nos legaron da etapa de resistencia ao comunismo a través do humor, que reflicte á perfección o funcionamento dun sistema bancario. É aquela na que un home que vai depositar cen rublos nunha sucursal pregunta se o seu depósito está asegurado. O caixeiro respóndelle que por suposto, porque o banco garante todos os depósitos. O cliente insiste: «¿E se creba o banco?». Nese caso, contéstanlle, o Banco Central (o célebre Gosbank) garante os depósitos de todos os bancos locais. «¿E se tamén creba o Banco Central?», repregunta o depositante. Entón, di o empregado, é o Estado soviético quen lle garante o seu depósito. «¿E que pasaría se é o Estado soviético o que creba?», plantexa o cliente. «¡Non me dirá vostede que non está disposto a sacrificar cen miserentos rublos a cambio de presenciar o marabilloso acontecemento da desaparición da Unión Soviética!», exclama o empregado do banco.

Efectivamente, desde que o diñeiro substituíra ás mercancías como medio de cambio, a confianza na moeda é fundamental. E moito máis desde que o que coñecíamos como diñeiro no seu senso estrito (moedas e billetes) vai sendo substituído por meras anotacións electrónicas. Abondan na historia exemplos dos desastres que seguen á perda de confianza na moeda: na Alemaña de 1922 os prezos se multiplicaron por dous millóns (é dicir: o que custaba 1 marco a primeiros de ano chegou a custar 2 millóns de marcos a finais dese ano, de xeito que á xente pesábanlle máis os billetes que os produtos que mercaban con eles). Hai coincidencia en sinalar que este fracaso económico é unha das causas destacadas do auxe do nazismo; unha lección da historia que resulta axeitada hoxe noutras latitudes, cando presenciamos procesos hiperinflacionarios (cos prezos subindo un 50 % ao mes, con predicións que falan dunha inflación de preto do 13.000 % no 2018), que van acompañadas de catástrofes sociais (mortalidade infantil, desabastecemento de comida e medicamentos básicos, confrontacións nas rúas) e centenares de milleiros de persoas que fuxen do paraíso que o socialismo do século XXI está a construír na Venezuela bolivariana.

A transcendencia do mantemento da confianza na moeda e no sistema bancario explica por si mesmo moitas das actuacións das autoridades españolas e europeas tras a última crise económica, que ademais foi financeira na súa orixe. O reforzamento da solvencia do sistema bancario, a través de procesos de saneamento e concentración, non só salvagardou os aforros e os depósitos da cidadanía e das empresas, senón que tamén está a xerar confianza na economía, o que impulsa os investimentos que, con maior ou menor intensidade e calidade, facilitan a creación de emprego. E mantendo a inflación no entorno do 1 %. E son, precisamente, os apoloxetas do socialismo bolivariano, os compañeiros ideolóxicos dos asesores monetarios do réxime chavista, os que tratan, sen o máis mínimo fundamento, de xerar incertidumes polas consecuencias que a situación no país caribeño, cunhas autoridades en plena fuxida cara o baleiro, pode ter na entidade bancaria á que os galegos confían maioritariamente os seus aforros. É difícil saber para quen traballan; pero fácil determinar o prezo que pagaríamos: 3.100 empregos directos e 170 millóns de euros en salarios; máis, de acordo co estudo do Idega da Universidade de Santiago, uns 12.000 empregos e unhas rendas de 540 millóns de euros adicionais como consecuencia do efecto sé en Galicia. ¿Quen sería tan miserento como para non sacrificar todo elo a cambio de presenciar «o marabilloso acontecemento da desaparición do sistema capitalista» en Galicia?