O galego, a nosa mantenza

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde 1981, o Estatuto de Autonomía recoñece o galego como lingua propia e cooficial, que «todos teñen o dereito a coñecer e usar», e responsabiliza aos poderes públicos da súa normalización en todos os ámbitos. Ademais, a Lei de Normalización Lingüística garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos aos ámbitos da Administración, a educación e os medios de comunicación. Con estes vimbios, e toda a lexislación posterior, tivemos de facer varios cestos que se deben revisar, sobre todo, cando dentro de tres anos a autonomía galega fará corenta anos, tempo abondo para facer balance. Pode ser un recurso fácil facelo ao calor do Día das Letras Galegas. Ou non. Se cadra, porque a lingua é a materia prima fundamental sobre a que se argumenta e constrúe esta nosa comunidade autónoma. Sen lingua galega, non habería letras. Nin cultura propia. Nin identidade.

Os informes periódicos de institucións coma a Real Academia ou o Consello da Cultura van avisando da progresiva caída no uso do galego, mesmo cando reflicten tamén a extensión do seu coñecemento culto. O certo é que as xeracións máis novas procuran a súa socialización noutros espazos onde predominan o castelán e o inglés. Véxase a música, as series de televisión e os produtos culturais, en xeral, pensados para este segmento da poboación. Sen esquecermos a literatura, que segue a ser o elemento de máis peso e proxección de transmisión cultural.

É por iso que debe darse resposta á chamada de atención que emiten as industrias culturais, nomeadamente o sector editorial, a respecto da caída exponencial -arredor dun 50 %- nos libros publicados en galego, da compra de libros para bibliotecas, das axudas públicas á tradución, das campañas de animación á lectura ou da práctica ausencia de Galicia nas feiras internacionais do libro.

O bilingüismo é xa unha realidade, mentres o mundo camiña cara ao plurilingüismo, pero hai que frear a tendencia á perda de peso do galego porque se cedemos perderemos capacidade de autogoberno e estragaremos a herdanza que nos foi deixada, e que medrou notablemente nas tres décadas anteriores. A lingua galega dános de comer: a cultura xera o 3,3 % de todos os empregos, achega o 2 % ao noso PIB (máis que os sectores do automóbil ou da construción naval), mantén preto de 6.000 empresas e soporta sobre si a responsabilidade -de facto- de darlle cobertura á demanda que a cidadanía xera e os poderes públicos deben fomentar.

Érache boa que deixásemos morrer semellante actividade económica e tal construción colectiva. Decidamos entre termar do legado ou deixar que o galego remate coma o latín, como advertía recentemente o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. O galego non é un peso morto para unha sociedade que progresa con el.