Foi en Berlín cando de súpeto me atopei coa forza da obra do artista chinés Ai Weiwei. As columnas da entrada da Konzerthaus estaban cubertas por centos de chalecos salvavidas de cor laranxa, unha chamada de atención sobre a situación dos refuxiados. A instalación daba a benvida aos asistentes á gala do Cine pola Paz da Berlinale do 2016, e era unha imaxe realmente forte e contrastante que me fixo cuestionar moitas das cousas que asumimos como normais na nosa sociedade.
Ai Weiwei, artista e activista, estaba naquel momento pasando tempadas en diferentes puntos clave do fluxo de refuxiados no mundo: dende a illa de Lesbos até a franxa de Gaza, o campo de refuxiados rohingyas en Bangladesh, as costas de Italia, os campos de refuxiados palestinos e sirios no Líbano, ou as fronteiras de México ou Kenya. O resultado desas tempadas é Human Flow, un documental que co-produciu con Amazon e Participant Media no que mostra, en primeira persoa, a vida dos desprazados invisibles que saen a buscar seguridade, refuxio e xustiza fóra dos lugares aos que noutrora chamaban fogar.
O documental mostra as vidas dos invisibles no mundo dos invisibles, dos que non chegan, dos que rematan en campos ilegais, dos que deixan de existir. Ai Weiwei visitou 40 campos de refuxiados en 23 países, e supoño que a súa propia historia como exiliado é o que lle deu ese enfoque tan humano da deshumanización.
A poesía visual vai acompañada de versos que ben se poden extrapolar á nosa busca de xustiza actual, como os do poeta sirio Nizar Qabbani: «Máis fortes son os nosos gritos cás nosas accións, e as nosas espadas, máis altas que nós. Esa é a nosa traxedia...».