Saudade

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

24 abr 2018 . Actualizado a las 13:20 h.

Aprimeira vez que viaxamos a América con Luar Na Lubre foi a Venezuela, ao impresionante Centro Galego de Valencia; alí demos un concerto memorable para os seus socios. Aproveitando a viaxe visitamos tamén en Caracas a Irmandade Galega, que conta cunha espectacular instalación conformada por diferentes espazos, entre os que está o Teatro Rosalía de Castro. Por esta Irmandade, fundada en 1960 a partir da fusión de diferentes colectividades, pasaron persoeiros ilustres como D. Castor Cachafeiro, membro dos gaiteiros de Soutelo de Montes, que deixou unha forte pegada reflectida musicalmente a través do seu grupo de gaitas Celta. Tamén Celso Emilio Ferreiro, que fuxindo da represión estivo unha tempada neste lugar, coordinando diferentes actividades culturais, ata que deu cunha triste realidade que rematou coa súa expulsión. Foi unha interesante e curiosa viaxe na que coñecemos un pouco máis da realidade daquela convulsa e cambiante Venezuela. Anos máis tarde volveriamos a Valencia, La Guaira e Caracas, e nesa viaxe tivemos a oportunidade de coñecer a D. Farruco Sesto Novás, fillo do galeguista D. Xosé Sesto e, naquel intre, ministro de cultura da Venezuela chavista. Viñera vernos a un concerto no Teresa Carreño da capital, e convidounos a un almorzo no ministerio ao día seguinte. Descubrimos tamén a Xulio Formoso, fillo doutro exiliado galego, enxeñeiro de sistemas e músico compositor, un home moi interesante que nunca esqueceu as súas raíces. Vivimos experiencias que dan para tirar moitas conclusións, e que nos serviron para editar o noso traballo Saudade, baseado nestes encontros con galegos da diáspora. Logo virán viaxes a Uruguai, Arxentina, Chile, EUA, Brasil ou México. Xa irei contando.