Galegos na Lúa

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando os asturianos de Zapato Veloz compuxeron Hay un gallego en la Luna estaban a crear, obviamente, unha ficción. Unha ficción que ilustra un feito real, o de que é difícil ir a algún lugar do mundo onde un non se atope cun paisano. Unha ficción que mesmo pode empregarse para amosar o compromiso coa formación dos nenos e nenas galegas para que poidan participar na aventura espacial. Tomarse ao pé da letra a presencia dun galego na lúa sería, en cambio, de pandeirada sideral. Unha serie de ficción, aínda baseada en feitos reais, segue sendo unha ficción, como a letra da canción, por moito que reflicta unha época real na que existía unha ampla connivencia social co contrabando de tabaco e na que tamén xurdiu unha temperá, exemplar, e moitas veces heróica reacción dalgunhas nais, funcionarios da Xustiza, e policías contra a deriva do contrabando de tabaco cara ao narcotráfico. E mesmo pode reflectir o compromiso da sociedade actual para que nunca se repitan tales feitos na nosa veciñanza. Porén, hai quen se toma esa ficción ao pé da letra, e pensa que todo o que alí se narra ocorreu de verdade. Hai, por exemplo, unha deputada que se indigna (vía tuit : «Q carraxe, q noxo» sic) porque, tras ver un episodio dunha serie de ficción no que se fabula adde drama con que «toda a Xunta está implicada»; indignación que lle fai concluir que hai «xeracións enteiras de familias destrozadas polas drogas coa complicidade do goberno galego». E hai quen tamén pensa, outra señoría, que un episodio de ficción, no que un presidente da Xunta se reúne «cos capos do narcotráfico galego», é a evidencia dunha realidade, a de que «aínda a día de hoxe», se recibe «unha medalla por eses feitos», para «comprar e vender silencios con esa medalla e ese salario» (as citas son do Diario de Sesións do Pleno do Parlamento de Galicia do pasado 11 de abril). O feito real que inspira a ficción foi que no transcurso dunha cea oficial organizada polo alcalde de Vilanova da Cerveira, e á vista de «tódolos xornalistas, diante das autoridades portuguesas, diante de todo o mundo que alí estaba», o presidente da Xunta atendeu nun minuto a un grupo de persoas, que non se sabía quen eran; das que se «supoñía que eran xentes que estaban fuxidas» porque «querían ser xulgados e que isto se tramitase rápidamente» e ás que a oposición se refire en todo momento como «contrabandistas»; que nese minuto o único que se lles dixo foi que escribiran á Xunta; que a carta (exhibida na sesión plenaria) foi remitida e que obviamente os servizos xurídicos da Xunta dixeron que «non había nada que facer».

As reaccións máis severas da oposición foron as dos deputados Anxo Guerreiro («Non dubido da boa vontade do presidente da Xunta de Galicia»... «Creo que iso é inocencia política, pero é un problema grave») e Camilo Nogueira («Esas palabras demostran, mesmo pola sinceridade con que foron ditas, demostra, diriamos, o carácter persoal do noso presidente, característica de bondade persoal que ninguén lle puxo en dúbida... Pero tamén demostran outra das súas características: a inxenuidade política. E un presidente da Xunta non pode ser inxenuo politicamente».

Todas as citas correspóndense ao Diario de Sesións do Parlamento de Galicia. A Fundación Española da Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) recolle nunha enquisa que once de cada cen galegos pensa que o sol xira ao redor da Terra (fronte aos 25 de cada cen españois que aínda rebaten a Copérnico). A FECYT non pregunta sobre se hai un galego na lúa. Pero sabemos que polo menos dous de cada 75 deputados do Parlamento de Galicia acreditan como certo o que non é máis que unha ficción.

Para que logo digan que o principio de representación do pobo na cámara parlamentaria é outra ficción...