A Real Academia Galega e a excelsitude

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega é unha das nosas máis espléndidas institucións. Auténtico servizo público: serve ao idioma e á literatura e, polo tanto, serve a Galicia. Por extensión, a RAG serve á delicada causa da cultura nacional e internacional e constitúe o bastión fundamental para identificármonos: porque somos idioma ou non somos. Porén, non corren bos tempos para a RAG. Observo que esta magna institución anda máis pendente de simplezas que do seu labor fundamental. Máis atenta a exercer as súas funcións contentando á corrección política que disposta a enraizar o templo eterno do saber, da conciencia (a autoidentificación) e das Letras. Templo eterno, digo. E insisto. Os académicos son (os) inmortais. Acadan tal condición polos seus múltiples méritos, non por influencias alleas á excelencia creativa, indagadora, científica ou descubridora. Así debe ser. Pero non sempre. Porque a RAG, entre murmurios e evidencias, semella infravalorar o gran patrimonio de Galicia: a alta cultura. Parece, dende fóra, que está a se converter en paladín da ruda corrección política e que en contra da súa historia, dilatada e preciosa, pretende negar a disidencia e aos disidentes. Ferrín é o disidente principal de todas as academias. Presidiu a galega e nunca esta Casa tivo maior sabio e máis radical (sic: raíz, estirpe) á súa fronte. Despois dimitiu. E, con elegancia, a RAG non admitiu a dimisión. Porque unha vez que un inmortal entra na Casa, xa non pode saír. Non sería o primeiro, pero parece que pode ser o último. Contaba La Voz nos idos de marzo que algúns queren que se vaia e deixe baleiro o asento. ¿Para que? ¿Acaso pode haber maior ofensa á lingua, estando vivo o Mestre, que ocupar a súa cadeira? ¿Existirá algún afouto neoacadémico disposto a sentar alí?

Remato a columna. E volvo ao comezo, quizais porque Cortázar dicía que a estrutura circular era a propia do conto. E isto non deixa de ser un conto: inverosímil, pero conto ao cabo. A RAG está perdendo o seu papel e perdendo os papeis. Se non fose así, resultaría impensable que despois do ano Casares dedicase o 2018 a María Victoria Moreno, cuxa obra resulta nimia e flagrantemente feble dende a estética ou a preceptiva literaria. Igual que resulta ominoso que Carballo Calero, o que trenzou con fíos de ouro a nosa historia literaria, aínda non gozase do seu Día das Letras. Non podo entendelo.

A RAG debe servir á excelsitude, insisto. E os seus cargos deben estar á altura, dentro e fóra (cómo algún académico pode, dende as redes sociais, disparar a diario contra o sentido común?). Repasen Arraianos ou Con pólvora e magnolias: a cima lírica ou narrativa do máis puído dos nosos creadores. E abandonen a corrección política. As Academias non están para iso. Dabondo temos en Galicia quen se ocupe de tal infortunio.