África está partindo. Hai un par de semanas, unha familia estaba tranquila ceando na súa casa de madeira e lata en Kenya cando un ruído de troncos esfarrapados os arrincou de alí, a tempo de ver, atónitos, como o chan engulía o seu fogar. Agora unha longuísima fractura percorre Kenya tragando estradas, animais e casas. Algún científico dixo que, nuns millóns de anos, haberá dúas Áfricas, unha a cada lado desta greta. Se fósemos da Grecia clásica, creriamos que isto é un mal agoiro, pero como só somos habitantes da posmodernidade nihilista, cremos que non é máis ca un simple burato no chan nun lugar onde viven persoas que, de certo, nos dan absolutamente igual, tan igual coma a terra na que viven e as casas sen as que quedaron.
A min, en cambio, pareceume a única nova digna de tal nome na prensa destes días. O resto son noticias sabidas que gastan tempo para deixarnos como estabamos. Unha cidadá e a súa sogra pelexan por non facer unha foto. Unha señora inventa un máster para decorar un currículo. Un home que non se aclara. Dá igual que todo o iso o fagan raíñas, presidentas e políticos. O que importa é que hai un burato en África, e dentro dun millón de anos, cando en España todo siga igual, haberá dúas Áfricas. O dobre de pobres e famentos, o dobre de guerras, o dobre de mulleres violadas e secuestradas, o dobre de elefantes extinguidos e o dobre de parellas europeas de lúa de mel que, mentres discuten coas sogras e falsifican currículos, verán que un estreito de mar salgado supón a oportunidade de mirar dobremente para outro lado, crendo dobremente que son importantes as cousas que, en fin, só demostran que somos bastante idiotas.