Estou conmovido, confésoo, ante a mostra de solidariedade que o grupo parlamentario de En Marea mostrou coa deputada Paula Quinteiro ao rexeitar a dimisión que lle esixiu ese novo inquisidor da política galega que é o portavoz Luís Villares.
Porque, ¿que mal fixo Paula Quinteiro para que o inquisidor Luís Villares lle esixa a dimisión? Defender a uns amigos algo vándalos que se negaban a identificarse ante a policía cando nunha intensa noite de espellos rotos esnaquizaban a botellazos os retrovisores dos coches nunha rúa de Compostela. Home, é verdade que ao chegar a policía, alertada por un veciño, un dos rompecoches lles chamou «policías fillos de puta» e púxolles a figa dando ao brazo un xiro á remanguillé; pero xa se sabe que os policías teñen que ser coma os árbitros. Un que quería ser árbitro foise inscribir nun cursiño da federación e o funcionario a quen se dirixiu berroulle a outro: «¡Manolo, ven atender a este fillo de puta!». O home, cabreado, protestou: «Oia, ¿a quen chama ‘fillo de puta’?». E o funcionario, sen perder a calma: «¡Manolo, non veñas que este non vale!». Pois os policías o mesmo, e non pode ser que se quince mozos comprometidos politicamente -ollo!, que algún día poden ter nas súas cacholas os destinos deste país- desafogan o idealismo patriótico nos retrovisores duns cantos coches, apareza a brutalidade policial poñendo no chan ao que lles chamou «fillos de puta» e lles largou a cornamenta, porque se negou a identificarse. Ante esta situación Paula Quinteiro fixo valer a súa condición de deputada: «Estades secuestrando o meu labor parlamentario e tedes que saber que eu teño un réxime especial. Vou interpoñer unha interpelación parlamentaria ante o Parlamento galego pola actuación policial». Tamén é verdade que recolleu do chan e gardou no bolso o teléfono móbil co que a policía grava imaxes de leas e liortas, pero foi sen mala intención, que pensou que era dun colega rompecoches.
Con todo, o que máis me chega á alma é a actitude maternal que con Paula Quinteiro mostrou Carmen Santos, secretaria de Podemos en Galicia, cando dixo: «Por tacticismo político non se lle pode esnaquizar a vida a unha moza. Paréceme inhumano». ¡E tan inhumano! ¡É que, se despois do tempo que leva Paula Quinteiro cobrando 4.800 eurazos ao mes como deputada, ten que volver a un salario de auxiliar de enfermería, arruínanlle a vida! E o inquisidor Villares, groña que groña, veña a querer chimpala. Non ten corazón.
Certo que ela debería pensar a noite dos espellos rotos que eses 4.800 eurazos pagámosllos os donos dos coches atacados, os policías aldraxados, a xente de ben… e non os seus amigos «machotes da materia inerte»; pero é que ten 27 anos, home. Criaturiña. E se, como di Carmen Santos, xa «pediu desculpas sinceras e honestas», ¿por que Villares vai preguntar ás bases de En Marea se hai que chimpala ou non? Ademais de inquisidor, demagogo.