«Son deputada»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Na historia da representante de En Marea implicada nunha pequena alteración da orde, o verdadeiramente interesante son os protagonistas da intervención policial: a mesma patrulla que hai uns anos detivo por condución temeraria a aquel concelleiro do PP, lembran? Naqueles días, coma agora, a cousa parecía turbia coma unha trama de Fariña. Igual ca os mellores xornalistas do Washington Post, un par de axentes da Policía Local compostelá logran colocar o foco da opinión pública onde se debe. Á altura da mellor brigada político-social, eles si que saben impor moral acertando con ese pequeno erro que lle resolverá o problema a un partido político en dificultades. Os gardas da moral, que dubidan sempre de que andar de macarra de madrugada sexa labor parlamentario, souberon ver as arestas de Paula Quinteiro. Dixo :«Son deputada». Meu deus! Enténdoa, conste, se cadra porque eu tamén o faría, que a poli ponme nerviosa. A fin de contas, boto a vida xustificándome por todo coa escusa estúpida de que son escritora. «Tedes que saber que eu teño un réxime especial; vou interpoñer unha interpelación parlamentaria pola actuación policial», engadiu. E eu, que escorrego literatura sempre que leo un atestado, axiña imaxinei a Puigdemont cando o detiveron, imitando a Quinteiro e derramando unha bágoa: «Que sóc molt honorable!» Ao mellor alguén de En Marea aprende por fin ese refrán que repetimos as que temos fillas: «Quen con rapaces se deita, mexado se levanta». Poderiamos engadirlle a guinda de Castelao: «...e dis que chove». Iso é o que debe de estar pensando Luís Villares, que nestes días tan acaídos estará flaxelándose por bailar sempre coa moza trabucada.