Fraguas en catalán


Ese foi o nome que adoptou Forges para producir o seu inesquecible humor democrático. Temos que volver a Forges e a un tempo de liberdades perigosas para lembrar unha daquelas curiosas e sintomáticas personaxes que el inventou: El bengador gusticiero y su pastelera madre, subtitulado auto sacramental. En 1976 fixo un filme con ese título que foi dirixido por Jaime de Armiñán. Nunca dei sabido quen era a nai nin por que era pasteleira, pero o vingador xusticeiro era un superhome con bigote ben definido empeñado nunha xustiza divina saída dun convento. Un desastre de película que case ninguén lembra pero que hoxe me vén ao recordo, non sei moi ben por que. A película esqueceuse e só foi lembrada cando Ángeles González Sinde foi ministra, porque sendo adolescente tivo un papeliño no reparto. Posiblemente foi unha das peores películas daquela época de filmes infames, pero encerraba un significado que chega até hoxe. Nunca se sabe. Este tempo é unha boa ocasión para recuperalo, como tanto daquel cine español da Transición.

Eran tempos en que a política de apertura democrática se facía con humor, pero nestes días a política non ten ningunha graza case en ningures. Aínda a ten menos a xustiza vingadora, que lembra as ordalías e os autos sacramentais e que fai das Constitucións, que son acordos de convivencia históricos -e polo tanto temporais- unha condena. Todos os que nos dedicamos a ler textos lémolos de maneira diferente segundo sexamos xornalistas, xuristas, filólogos ou historiadores. Sabemos ler un texto, entendemos o significado, pero diferimos no contexto, no metatexto e, sobre todo, no pretexto. Ademais do oficio que dá a especialización aínda está a ideoloxía, que introduce matices á profesionalidade. Pásanos a todos, redactando e lendo. Pero a uns máis que a outros.

Leo e releo e non dou entendido por que están en prisión tantos políticos cataláns e por que son buscados para seren encarcerados con todos os recursos do Estado, incluídos os de intelixencia. Non para seren xulgados -aínda-, senón para seren encarcerados. Non entendo por que os ceiban e volven encarceralos en espera de xuízo sen fianza. Pero do que leo deduzo a vontade de indagar na vontade, de condenar as ideas, cando se fala da «psicoloxía interna», que é unha forma aparentemente moderna de falar de foro interno ou de alma, na ausencia de razón positiva que fundamenta o dereito moderno dende a Ilustración. Non é necesario ler o durísimo editorial de The Times contra a detención dos políticos cataláns para saber que todo o que rodea a causa cheira que imbra a incenso e ordalía. Será porque estamos en tempo de paixón.

Reza unha placa no auditorio de San Felipe Neri, onde se proclamou a Constitución de Cádiz en 1812, que grazas a aquela Constitución iniciouse un camiño novo na historia co que aprendemos a opinar, dialogar, convencer e convivir respectando as liberdades e os valores democráticos. Concordo. E pregúntome cantas veces e por que foron conculcados eses principios dende aquela. Que haxa políticos presos en España mete medo sobre o futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

Fraguas en catalán