Arte Migrante

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización Arte Migrante naceu no ano 2012 polo interese de Tommaso Carturan, un estudante de antropoloxía da universidade de Boloña, de conectar cos emigrantes da súa cidade a través da música e das artes en xeral, e así poder aprender os uns dos outros. Non teño o pracer de coñecelo persoalmente, pero fun testemuña dunha das veladas organizadas pola súa iniciativa en Italia; e recoñezo que a súa misión de fomentar a comunicación dunha sociedade diversa e heteroxénea a través das artes é máis necesaria ca nunca.

Italia e o noso país están tan lonxe coma preto. Arte Migrante nace como unha reacción ao medo e á incerteza do descoñecido, co soño de abrazar a paz a través de dedicar tempo en coñecer ao outro. A iniciativa multiplicouse por toda Italia (Trento, Turín, Reggio Emilia, Módena, Padua...) e chegou a Zaragoza o pasado ano. Polo que entendo, está baseada no voluntariado e na xenerosidade dos seus membros e na confianza de que, acollendo a diversidade cultural a través das artes, poden xerar un cambio na sociedade.

Cando esta semana lía un artigo sobre os retos das latinoamericanas de segunda xeración que viven no noso país, pensaba no lonxe que estamos de superar os estereotipos da migración, a pesar de que nós mesmos, os galegos e as galegas, sufrímolos a través das múltiples vagas migratorias ás Américas e a Europa.