Boas maneiras

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser educado nunca está de máis en ningures. Pola contra, non selo sempre está de menos. Ás veces, cando menos o pensamos, unha boa contestación pode levarnos moi lonxe e axudarnos a acadar o que buscamos. Pode que tamén poida servir unha mala, pero para un desenlace completamente oposto.

Se á educación lle engadimos de paso unha certa dose de humor, aínda mellor. Con todo, ás veces é difícil conseguir ese punto extra de simpatía, cando as circunstancias se converten en desfavorables. Por iso valoro tanto a actitude de Tony Wood e alégrome de que se fixese viral e tivese unha consecuencia tan positiva.

O noso protagonista de esta columna cometeu un erro moi común nestes tempos que vivimos: enviar unha mensaxe de teléfono a unha persoa equivocada. Nela, preguntaba a un teórico amigo como lle quedaba un vestido que estaba a probar. Quen recibiu o recado, un pai de familia, decidiu avisar do erro, pero con moi boa disposición. Sacou unha foto dos cinco cativos dando a aprobación ao vestiario, animando a que o comprara e desculpándose porque a súa muller non puidera dar a opinión por non atoparse con eles.

As redes sociais fixeron o resto para darlle certa sona a este caso despois de que unha amiga comentara o sucedido nelas. Sóubose finalmente que a muller non puidera ver a mensaxe porque estaba no hospital co outro fillo, doente de leucemia. Iso provocou unha avalancha de axuda, aínda que os pais non a solicitasen en ningún momento.

Imaxinan estar na casa, coidando de cinco pequenos, preocupados porque o que falta está en tratamento dunha enfermidade grave e recibir unha mensaxe errónea? Cantos de nós responderiamos a esa chamada? Seguro que moi poucos. Cantos o farían aínda enriba con ese bo humor desta historia? Aínda menos.

Aprendamos.