Son a imaxe da pena, da aflición, do sufrimento, do desconsolo. Eles, os pais de Gabriel, representan para todo o país este sentimento de dor. Son a cara dunha moeda triste. Na cruz está ela, Ana Julia. A perversión feita persoa, unha asasina sen piedade, nin sentimentos, nin remordementos, por moito que diga. Porque, se os tivese, non faría unha actuación teatral do calibre que amosou durante días, todos os que durou a desaparición do cativo ata dar co terrible desenlace.
Noutra moeda, a cara amosa as bágoas dos gardas civís ao dar co corpo no coche da asasina, presunta nese momento. Na cruz, o descaro da muller negando toda implicación. Na cara, a xenreira dos homes reflectida nas puñadas contra o coche. Na cruz, a negación insolente dela.
Hai demasiadas moedas neste caso. Demasiado lucro para algúns medios de comunicación que non tiveron piedade con eses pais, como tampouco o tiveron cos de Diana Quer, cos da pequena Mariluz... cos de tantos outros. Poñámoslles cara, denunciemos, pidamos xustiza... pero non fagamos demagoxia nin dano, nin traspasemos as barreiras da decencia. Porque isto faría a cruz da outra moeda. Na cara, eses pais que disimularon mentres tiñan que convivir e compartir a ansiedade por dar co seu fillo coa propia asasina. Esa nai pedindo calma e cabeza amais dos ditados do corazón. Esa muller comprensiva coa delicada situación do seu ex-marido.
Esa é a cara da dor, pero tamén da integridade persoal. Toda unha lección de humanidade, que non tivo a asasina.